Pequechef desenvolverase todos os xoves de 16:00 a 17:30 “e levará a diversión á cociña para facer que as nenas e nenos se enzoufen e preparen pratos deliciosos”, asegura a concelleira de cultura, Cristina Domínguez. A actividade está destinada a nenas e nenos a partir de 6 anos e terá un prezo de 20€/mes.
As actividades deportivas comezarán o 23 de outubro. Pantón en forma ofrece nesta ocasión ximnasia de mantemento, pilates, ioga e aerobic-cardio. Estas actividades deportivas desenvólvense en Ferreira e en 5 parroquias a través de diferentes asociacións. Así Pantón en forma chegará a Cangas, Acedre, Tuiriz, A Xesteira e Espasantes.
En Ferreira contarase polas mañás con ximnasia de mantemento e de 19:00 a 22:00 con ioga, aerobic e pilates. Unhas 150 persoas de entre 40 e máis de 80 anos veñen participando cada ano en Pantón en forma.
A finais de mes comezará un curso de restauración de mobles e novembro chegará cunha ampla programación teatral, presentacións e magosto popular.

