“Seguramente o primeiro que che chame a atención ao cruzar a porta da nosa leira sexa a galería e os soportais da entrada, e, inmediatamente despois, a túa vista verase irremediablemente atraída polo xardín: 14.000 metros cadrados de paraíso. Pombal, fontes, estanque, adega, árbores de todo tipo… perderse na nosa leira para dar un paseo é un dos grandes praceres de aloxarse na Rectoral de Castillón”, explica a web da casa. Conversamos coa xerente, Rosa Lindoso López.
Como comezou o proxecto de Rectoral de Castillón?
A casa é unha sociedade, propiedade de dous matrimonios, un nativo de Castillón e os outros viñan aquí de vacacións e fins de semana á casa de Mari Carmen. Coñecían a casa abandonada e a eles sempre lles gustou e decidiron arreglala e restaurala. En principio pensouse como casa vacacional para as dúa familias. Unha idea romática moi bonita, pero non eran millonarios e o tema non era viable, así que puxérona como restaurante e casa de turismo rural. Abrimos en maio do 2003 ao público, pero a casa comprouse no 89–90 e necesitáronse máis de 10 anos de restauración.
Que balance se fai destes 20 anos máis esa década dos inicios?
Houbo de todo. Principalmente super orgullosas porque resistir 20 anos pasando a pandemia e todo tipo de dificultades non foi fácil. Moi orgullosas de ter chegado ata aquí, de que se nos coñeza e orgullosas porque se foron superando todo tipo de dificultades imaxinables.
En liñas xerais é un balance ben positivo, á xente gústalle e seguimos tendo xente…ir superando trabas, crises económicas, perdas familiares. Cando se comprou a casa entre as dúas familias eramos un montón de xente e todo o mundo facía algo, os avós foron morrendo. Cada vez somos menos.
No restaurante estanse celebrando esta tempada as Xornadas do Cocido e o Outono Gastronómico. Interesante reclamo para vir ao restaurante da Rectoral de Castillón?
Si, o restaurante está aberto de mércores a domingo ao mediodía e con estas campañas funcionamos moi ben. Para as ceas non abrimos ao público, pero si temos ceas para grupos previa reserva e autoservizo de ceas para os hóspedes.
rectoraldecastillon.com
Que destacarías da vosa cociña?
Que é todo como se facía na casa das avoas. Innovamos e buscamos ser orixinais na presentación, pero a esencia é cociña tradicional. Tentamos que os nosos proveedores sexan da zona. Temos a nosa propia horta. Con todo ofrecemos produtos de calidade e de tempada.
Cal é o perfil do cliente do restaurante?
Temos clientes habituais que son da contorna, pero a maioría é xente de Ourense, A Coruña, Vigo…, de Ourense temos moita xente e logo turistas que andan por aquí, que buscan en Google e aparécemoslles aí.
Non é o mesmo o cliente do verán que o do resto do ano. No verán son clientes a comer e clientes de paso. O resto do ano moitos clientes da Coruña ou Vigo que veñen aquí a pasar toda a fin de semana e comen, pican algo pola noite e veñen a descansar e estar aquí tranquilos.
Agosto é a mellor época como en todos os lados e outubro é tamén un mes boísimo. No noso caso o outono cada ano vai a máis e en Semana Santa e ponte de maio que normalmente estamos cheos.
E o perfil do cliente da casa?
No verán parellas de arredor de 50 anos que lles gusta o campo, non queren estar na cidade, queren visitar a Ribeira Sacra e estar nun sitio tranquilo. Veñen principalmente parellas e algunha familia. O resto do ano temos grupos que veñen sempre a pasar o magosto, temos clientes que veñen todos os anos e que ocupan a casa toda. Son principalmente xente de Galicia, Madrid, Barcelona, País vasco ou Asturias. Ven tamén moita xente de Ponferrada.
Que lles recomendades aos clientes que chegan querendo coñecer a Ribeira Sacra?
Gústanos recomendar sobre todo Pantón. Principalmente a ribeira do Miño, que a nós gústanos moitísimo. Á xente sóalle máis o canón do Sil e cando lles recomendamos o Miño, todo o mundo ven encantado e alucinado. Fan un descubrimento que nin imaxinaban. Tamén lles dicimos que vaian ao Sil, que é moi interesante, pero tentamos que descubran algo máis para que queden con ganas de volver.
Temos clientes que veñen no verán que lles contamos o preciosa que é a ribeira en outorno e volven en outono para velo. A quen lles dis que o 1 e o 15 é feira en Ferreira e están as pulpeiras e temos a moitos que volven para ir á feira. Que vaian descubrindo.
Ribeira Sacra cada vez ten máis tirón como vedes o sector despois da pandemia?
Creo que houbo un momento despois da pandemia que igual nos fixemos o conto da leiteira, como non se podía viaxar fóra houbo un par de anos que había xente a patadas, moitísima xente. Iso pasou, volvemos á nosa vida habitual, a xente volveu a viaxar e volvemos á vida de antes. E por exemplo, xullo para nós volve a ser como antes, non é un mes marabilloso pola xente que lle gusta viaxar fóra. É moi interesante que se manteñan os bonos da Xunta porque moita xente vén con iso.
Como presentarías todo o que tedes en Rectoral de Castillón?
Para vir a comer non é un restaurante ao uso, que normalmente vas, comes, tomas o café e marchas, aquí temos 14.000 metros cadrados de xardín para poder pasear, comer, descansar, gozar da natureza. Podes pasar a tarde perfectamente, non é un sitio simplemente para ir comer. É un sitio para ir a comer e comer moi ben, pero ademais pasar unha tarde nun sitio espectacular, un entorno que non é habitual. E para a xente que vén a durmir, un sitio para estar tranquilos, sentarse ao carón da lareira ou da chimenea, gozar da biblioteca. Levar unha vida despacio, slowlife.