O Foro Territorios Patrimonio é un centro de debate catalizador das tendencias de presente e futuro ao redor do programa de charlas, mesas redondas, catas e actividades que se desenvolven presencialmente e online.
Entre os obxectivos que se abordan destacan o de dar visibilidade, nunha contorna de debate e reflexión, á candidatura a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra; interpretar a situación actual poñendo o foco nos retos máis inmediatos, así como nas estratexias de traballo para un futuro desexable; garantir un espazo de diálogo que ofreza ferramentas de traballo, formación e promoción para os axentes locais, representantes institucionais e traballadores de empresas de cultura e turismo do territorio; e conectar á Ribeira Sacra con outros territorios Patrimonio da Humanidade a través de personalidades de relevancia internacional que coñezan de primeira man os retos que implica este recoñecemento.
No acto inaugural o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, agradeceu a colaboración e participación activa dos principais axentes implicados nesta paisaxe “para acadar un impulso definitivo á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco e acreditar con toda a forza o seu valor sobranceiro. Este é un dos grandes tesouros de Galicia e, grazas ao compromiso e o labor compartido nos últimos anos con concellos, expertos, sociedade civil e administracións, hoxe gozamos dunha Ribeira Sacra máis viva, máis coidada e máis recoñecida”, salientou.
O conselleiro de Cultura fixo un chamamento “para continuar na senda dun proxecto común que contribúa a reflectir con maior énfase a riqueza, a diversidade e o incalculable valor desta comarca. Todos debemos estar orgullosos do que levamos feito, pero é necesario seguir traballando e sumando esforzos para afrontar este reto”.
Pola súa banda, o rexedor monfortino, José Tomé, destacou a importancia do enclave onde se celebra este Foro, o Conxunto Monumental de San Vicente, que está “encadrado dentro do Conxunto histórico de Monforte de Lemos, e puxo tamén en valor a importancia da Xudaría monfortina.
O alcalde reivindicou o papel esencial que dentro do patrimonio paisaxístico da Ribeira Sacra aporta o Miradoiro do Duque, “situado xusto encima do embarcadoiro Ponte do Sil, de onde saen os catamaráns da Deputación de Lugo, elementos cos que podemos descubrir a beleza e a maxestuosidade e o valor inmaterial dos viñedos da Ribeira Sacra, fronte a Castro Caldelas”.
Como Presidente da Deputación de Lugo, salientou que na Ribeira Sacra se atopa a maior concentración de Románico rural de toda Europa, e polo tanto, do mundo, “aspecto este que foi posto en valor nos últimos anos polo ente provincial que presido, e que supón un reclamo de primeira índole para as persoas que nos visitan”.