IniciosociedadeDomingo Joyeros, a fiabilidade dun negocio familiar con 65 anos de traxectoria...

Domingo Joyeros, a fiabilidade dun negocio familiar con 65 anos de traxectoria en Monforte

Este emblemático establecemento naceu no ano 1958 e mantense hoxe en día como unha das referencias de Lemos e contorna para todo o relacionado coa xoiería e a reloxería. Falamos con Domingo Pérez, que representa a segunda xeración do negocio e que conta cunha espectacular colección de reloxos, moitos deles únicos.

Publicado o

POR
xmf
- Advertisement -

En Domingo Joyeros, rexentado por Domingo Pérez, fillo do fundador, e a súa dona Fanny Crespo, dedícanse á venda e reparación de reloxos e dispoñen tamén de xoiería, bixutería, platería, artigos de recordo, agasallos e trofeos. Ademais, dispoñen de taller propio de xoiería, reloxería e gravación. Como curiosidade cómpre dicir que teñen un interesante apartado de ‘souvenirs’ relacionados coa Ribeira Sacra: abridores de botellas, reloxos ou xoias en prata, etc.

O seu precedente xeracional foi Joyería Domingo, negocio que se inaugurou o 14 de agosto do ano 1958 nun local situado no número 9 da rúa Cardeal, moi preto do actual establecemento, no número 16, ao que se mudaron no ano 1969. Foi fundado polo matrimonio formado por Domingo Pérez Soto e Carmen Somoza Díaz tras volver de Oviedo, cidade na que estiveron residindo durante varios anos.

ANTES Foto: Domingo Joyeros.
AGORA / XdL

Di Domingo fillo que o oficio foino aprendendo pola súa conta dende neno e con moita ansia pois foi sempre a súa vocación. Lembra que ‘desmontou’ o seu primeiro reloxo cando tiña 15 anos e non foi quen de facelo funcionar despois. E non se trataba dun reloxo calquera, era nada máis e nada menos que un reloxo que trouxera de Cuba seu pai. Adeus reloxo.

Non empezaba ben a cousa pero iso non o fixo abandonar. O segundo reloxo si que foi quen de montalo e facelo funcionar fixándose moi ben en cada peza e como estaban estas colocadas.

‘desmontou’ o seu primeiro reloxo cando tiña 15 anos e non foi quen de facelo funcionar despois

E casualidades da vida, ou non, fixeron posible que Domingo Pérez puidese coñecer á súa muller grazas a un reloxo. Nun desprazamento a domicilio para reparar unha peza coñeceu a Carmen Somoza.

Falamos, en resume, de 65 anos de traxectoria cunha segunda xeración ao fronte do negocio e unha terceira que vai asegurar a continuidade grazas a Bruno Pérez, neto do fundador.

Bruno Pérez. Foto: Domingo Joyeros.

COLECCIÓN DE RELOXOS

”Sempre tiven paixón e gusto polas curiosidades”, di Domingo para xustificar o seu perfil coleccionista. Conta cunha interesante colección de reloxos de sobremesa e parede, pezas que destacan pola súa orixinalidade con formas, mecanismos ou o xeito de amosar o tempo que se diferencian de calquera reloxo convencional. Algúns deles únicos, no sentido rigoroso da palabra, pezas de deseño e fabricación propia.

Segundo sabemos, foi a partir do 1983 cando se interesou polo tema e aproveitando as existencias da propia reloxería comezou a reunir pezas que se foron ampliando con outras conseguidas a partir de viaxes, contactos profesionais, internet, etc. O que busca Domingo, en propias palabras, “reloxos que parecen de todo menos un reloxo”.

Escaparate con parte da colección de reloxos / XdL

A colección, duns 50 reloxos, abrangue dende reproducións dos primeiros reloxos de sol ata outros de auga, area, fogo; e tamén dende os primeiros reloxos mecánicos de volante, foliot, ata os de péndulo, cinéticos, etc.

O que busca Domingo, en propias palabras, “reloxos que parecen de todo menos un reloxo”

Algunhas das curiosas pezas pódense ver no escaparate dun local en fronte da propia reloxería-xoiería, outras no Museo do Ferrocarril de Monforte e, “outras están gardadas por falta de espazo”, refire Domingo.

A colección é de tal valor que xa estivo exposta en dous importantes museos. No Museo Etnográfico Liste de Vigo, baixo o título “El infinito caminar del tiempo”, e no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da cidade da Coruña.

‘DI VINO CLOCK’

Con este nome bautizouse o sorprendente e inédito reloxo incorporado á colección de Domingo. Unha creación da que está especialmente orgulloso e que se deu a coñecer publicamente hai uns dous meses.

O seu mecanismo consta dun complexo sistema de motobombas eléctricas, electroválvulas e microcontroladores que emprega o viño para mostrar o tempo con total precisión. Un cilindro interior contén o viño tinto que vai indicando os minutos a través dunha escala, mentres que outro cilindro exterior, empregando neste caso viño branco, indica as horas. Unha peza única de elaboración nos talleres propios de Domingo Joyeros e que contou coa colaboración dos profesores do IES Daviña Rey Amancio Rodríguez e Sara Rodríguez.

DI VINO CLOCK / XdL

ÚLTIMAS

Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’

O Concello de Sober pon en marcha o proxecto ‘O SAF actívate’ co que...

Bóveda sementa a igualdade nos equipos locais de fútbol

O Goberno local de Bóveda prosegue coa campaña ‘Sementando igualdade’, que esta vez chegará...

Reestablécese o subministro de auga nas parroquias de Monforte

A avaría, que tivo lugar o pasado día 26 de febreiro, provocou unha falta...

O PP de Monforte acusa a Tomé “de tapar os problemas de abastecemento con bombas de fume como a supresión dos pasos a nivel”

A voceira do PP de Monforte, Katy Varela, tras ver como que as parroquias...