HomesociedadeSegredos de Pantón e as tradicións de Nadal

Segredos de Pantón e as tradicións de Nadal

Este colectivo desexa unhas boas festas ao tempo que comparte tradicións da súa contorna para ter en conta nestas datas.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Dende Segredos de Pantón desexan unhas felices festas de Nadal en Familia e agardan que a xente goce da Noite das Trasnadas o 24 de decembro e o 31 de decembro (en función da parroquia). Segundo a devandita tradición, os mozos saían coller carros e cancelos, mover arados e o que topasen para cortar os camiños e colgalos das árbores ou das pontes; e tamén se bebía viño con azucre.

Respecto desta Noite das Trasnadas, déixannos a anécdota dunha trangallada que tentaron facer en Pedragude (San Xulián de Eiré) pero que saíu mal por algo:

“Era unha noite dos Cancelos, na parroquia de Eiré, 2 mozos da contorna de Pedragude pensaran en ir a unha casa moverlle o carro. Chegaron ao sitio e viron o carro. Cando un deles foi pousar a man sobre a ferra (parte metálica que recubre a roda) levou unha cambra que o botou cara atrás e caeu na palla. Os donos do carro prenderon a luz e botaron a rir. Estes sabían que ía vir moverlle o carro e á ferra conectaron uns cables con corrente.
Ao final o carro quedou no sitio e fíxose unha trasnada, coma ten que ser.”

Os nosos colaboradores advirten tamén, “tende coidado o 28 de decembro, que segundo a tradición, é cando as meigas xúntanse para repartir o traballo para o ano entrante”, e animan que na noite do 5 de xaneiro se saian cantar os Reises.

Aquí deixan un verso para pedir o aguinaldo, aguinaldo que daquela se daba en castañas ou chourizos:

Diánolo aguinaldo
inda que sexa pouco:
un bo bacalau
e máis a mitá doutro”.

ÚLTIMAS

Joseba Iraola vence na I Subida Ribeira Sacra de Chantada

Nun coñecido trazado polos habituais do certame nacional de montaña disputáronse catro mangas de...

Así foi a participación monfortina nos XVI Xogos do Eixo Atlántico

A delegación monfortina estivo formada por 68 deportistas que participaron en 4 modalidades deportivas:...

O BNG discrepa do financiamento da Ponte do Malecón por parte da Deputación

O deputado e vicepresidente da Deputación, Efrén Castro e o portavoz municipal en Monforte,...

Desactivada a situación 2 no incendio de Soutordei en Ribas de Sil

No concello de Ribas de Sil segue activo desde as 18.22 horas deste sábado,...