HomesociedadeO Apalpador, por terras de Lemos e Quiroga

O Apalpador, por terras de Lemos e Quiroga

O sábado estivo por terras de Quiroga e o domingo 24 en Monforte. Como xa é tradicional por estas datas, na cidade do Cabe animou o ambiente das rúas, e este ano rematou o seu percorrido na residencia Domus Vi.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Di a tradición que nas montañas galegas, e no caso do sur de Lugo, nas do Courel, atópase un carboeiro vello e rexo que apalpa a barriga dos nenos e das nenas para saber se pasaron fame ou non. Esta figura mítica é o Apalpador. Disque é un home grande, forte, barbudo, con boina, unha chaqueta vella e remendada e que fuma en pipa. Fai acto de presenza nas noites de Nadal e Fin de Ano e non é Santa Claus ou Papa Noel nin ten nada que ver cos Reis Magos, aínda que tamén se preocupa pola cativada. Se tras apalparlles a barriga nota que puideron pasar fame déixalles unhas castañas, e nos tempos actuais pode deixarlles outras cousas máis materiais…

Anxo Moure é o máis tradicional e enxebre de cantos recuperan a súa figura, facendo posible que O Apalpador chegue a moitas escolas e concellos de Galicia por estas datas. No caso dos concellos do sur de Lugo, esta fin de semana estivo por terras de Quiroga e de Monforte.

O sábado 23 pola mañá O Apalpador fixo un pasarrúas polo núcleo urbano de Quiroga, parando nalgunhas das prazas máis coñecidas da vila, entrando nalgún comercio e rematando na Casa da Cultura cara as 13:00 h. Chegaba convidado polo BNG de Quiroga e facíao acompañado de Servando Barreiro e a música da súa concertina. Foi unha mañá moi animada e bastante participativa grazas ás nenas e nenos que se foron unindo á ruada.

Chegada do Apalpador e Servando Barreiro a Quiroga. Foto: Rafa
O Apalpador na Praza España de Quiroga. Foto: BNG Quiroga
O Apalpador na Casa da Cultura. Foto: BNG Quiroga
Nun comercio de Quiroga, a carón de Papá Noel. Foto: BNG Quiroga.

Ese mesmo día, pero pola tarde, Anxo Moure e Servando achegáronse á aldea de Montefurado para ver a antiga escola na que Moure contara os seus primeiros contos. Fixeron un pequeno percorrido polas rúas, e aínda que non atoparon moita xente cadrou que estaba alí Pepe Pol, o que fora mestre da escola rural de Montefurado durante moitos anos. Anxo cadrara con el cando fora contar contos e velo despois de tantos anos resultou un encontro emocionante.

Diante da Igrexa de Montefurado. Foto: XMF.
Servando, O Apalpador e Pepe Pol en Montefurado. Foto: XMF

O APALPADOR EN MONFORTE

A visita do Apalpador a Monforte é xa un clásico. É o concello do sur de Lugo que leva máis anos recibíndoo por estas datas, e este ano non podía ser menos.

O domingo 24 chegaba arredor das 11:00 h. ao Malecón e dende alí fixo un percorrido con paradas para tocar, contar historias e dar consellos. Comezou onde o Ambulatorio, seguiu pola Praza de Santo Antón, e despois polo Parque dos Condes, a Rúa Cardenal, a Praza España e a Praza Doutor Goyanes.

O Apalpador, Servando Barreiro e O Pandigueiro no Parque dos Condes. Foto: XMF.
O Apalpador e os seus acompañantes na Praza de España. Foto: XdL

Outros anos, o remate do Apalpador facíase na Praza de Abastos, lugar onde contaba uns contos aproveitando a presenza dalgún mercado temático ou para ambientar os propios postos da praza. Nesta ocasión estaba o espazo pechado co cal a actividade desenvoveuse na súa totalidade polas rúas e prazas. Outra das novidades deste ano foi que O Apalpador, ademais do acompañamento musical de Servando Barreiro coa concertina, traia con el ao Pandigueiro, a figura popular das montañas de Ourense, que tocaba a guitarra.

Como curiosidade, comentar que O Apalpador coincidiu e saudou ao Papá Noel que estaba como convidado do CCU no comezo da Rúa Cardenal, e que na Praza Doutor Goyanes uniuse ao grupo tocando a pandeireta e cantando unha rapaza que pasaba por alí.

Tras o pasarrúas, O Apalpador e os seus colaboradores tiñan outra misión, visitar a residencia Domus Vi de Monforte.

Na Praza Doutor Goyanes cunha improvisada pandereiteira. Foto: XMF.

ÚLTIMAS

A Oficina de Turismo de Chantada obtén as certificacións de “Q  Calidade Turística” e “S Sostibilidade Turística”

O ICTES, Instituto para a calidade turística española e a sostibilidade vén de conceder...

Transporte adxudica obras de mellora en tramos da N-120 e da N-540

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible adxudicou por 13.690.415,53 euros, IVE incluído, un...

Obras na LU-P-4103, en Ferreira de Pantón

A Deputación Provincial de Lugo informa de que ata finais de decembro, a circulación...

‘Castelao’, obra teatral de Culturactiva Produccións, en Quiroga

Culturactiva Produccións presenta este mércores 3 de decembro a obra “Castelao”. Esta actividade está...