O Concello de Sober programa o seu Desfile de Comparsas e Concurso de Disfraces para o sábado 10 de febreiro pero antes haberá dúas datas importantes de celebración. Trátase do Xoves de Compadres, o día 1 de febreiro, e o Xoves de Comadres, o 8 deste mesmo mes.
Para animar á participación, o concello vén de publicar as bases destacando que a inscrición realizarase no Centro Sociocultural tras encher un impreso de solicitude e acompañando compia do DNI e certificado de conta do participante (individual ou colectivo). O último día para facelo é o 8 de febreiro.
No que respecta á composición dos participantes do desfile, as comparsas estarán conformadas por 10 compoñentes como mínimo, levarán un número de identificación para poder ser valorados polo xurado e colocaranse por orde de chegada na Praza do Concello a partir das 16:00 h. O xurado valorará tres puntos á hora de puntuar: elaboración do disfraz, posta en escena e orixinalidade.
Para o Concurso de Disfraces, que se realizará no transcurso do “Baile da Cachucha” no CEIP Plurilingüe Virxe do Carme de Sober, haberá 2 modalidades de participación: Infantil e Adultos, tendo que ser disfraces diferentes aos que xa asistiran ao desfile de comparsas.
Rematado o desfile haberá inchables, xogos e merenda para todos os participantes ás 18:00 h. e a partires das 19:30 h. desfile de disfraces e degustación de cachucha acompañada con viño.
PREMIOS
Todas as comparsas terán un premio de 60 € só por participar e despois, haberá as seguintes dotacións económicas:
No apartado de Comparsas, premio especial de 150 euros para a comparsa máis numerosa, 300 € para a primeira, 175 para a segunda, 125 para a terceira e 75 para a cuarta clasificada.
No que respecta ao Concurso de Disfraces, tanto na modalidade Infantil como na modalidade de Adultos, as recompensas económicas serán as seguintes: 60, 40 e 30 € para os e primeiros premiados con disfraz individual. No caso de disfraces colectivos ata 6 persoas: 100, 50 e 40 € para 1º, 2º e 3º premiado respectivamente.