HomesociedadeAfra Blanco: "A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa...

Afra Blanco: “A Feira do Viño de Quiroga é a primeira festa que descubrín de Galicia”

A sindicalista Afra Blanco, colaboradora habitual de mesas políticas dos programas Espejo público (Antena 3), Al rojo vivo (La Sexta) e La Sexta Xplica será a pregoeira da XLII Feira do Viño de Quiroga que se celebra os días 30 e 31 de marzo.

Publicado o

POR
Ana Belén Fernández
- Advertisement -

Afra Blanco, que fora portavoz da sección xuvenil da UGT e hoxe responsable de Comunicación da Federación Estatal de Servicios, Movilidad y Consumo, dará o pregón o sábado, ás 20:30h.

Para concertar a conversa con Afra, nada en Barcelona, envielle un whatsapp en castelán ao que non tardou en respostarme en galego. O día da entrevista telefónica como pregoeira desta Feira do Viño de Quiroga xa lle comecei falando galego.

Nada en Barcelona con orixes galegas, non sabía que falaras galego

Apetéceme moito falar en galego é o maior respecto que se lle pode dar á lingua e á terra. Tento falalo, son neta, filla, amiga de galegos/as. Se non sei falar o galego a miña avoa desherédame. Na miña casa debatíase en galego sempre. Lembro o Xabarín Club, gústame ler a Rosalía, Yolanda Castaño…

Afra Blanco

E onde están exactamente esas orixes galegas?

A miña familia, desde Parada dos Montes, pasando por Xestoso do Lor, Nocedo, Monforte de Lemos,… Meu pai é do Nocedo en Quiroga e a miña nai de Xestoso do Lor, do val e da montaña.

Cando te chaman para que pregoes a Feira do Viño de Quiroga que che parece, como foi?

Pensei que era unha toleada, despois das eleccións dixéronmo as tres forzas políticas, se me faría ilusión? Eu dixen: vou estar na Feira como todos os anos, pero teño que volver despois para o programa (La Sexta Xplica). Quedamos de falalo no Nadal, e cando falei co alcalde díxenlle que me podía poñer moi nerviosa e que era capaz de chorar.

Tráeme moitos recordos, non só a Feira do Viño, se non tamén o propio viño na casa. Faime recordar a moita xente que non está xa entre nós. Para min Quiroga é o meu refuxio desde pequerrecha, entón é moi emocionante. Díxome, poñámonos serios, queres facelo ou non?

Eu si, a unha cousa así non se lle pode dicir que non. Falei cos meus xefes en Atresmedia  e dixéronme: tira para alí, fai o pregón, goza da terra e vémonos á seguinte semana. Estou moi ilusionada.

Afra Blanco

Familia, amigos, recordos… que máis é para ti a Feira do Viño de Quiroga?

É a primeira festa que eu descrubrín de Galicia, que eu lembre, xa nunha idade na que podía saír cos meus amigos, podía estar co meu irmán xemelgo,…é unha festa de transición, de facerme maior. É unha Feira na que ademais dese viño que coñecía desde nena, descubriume todo outro aspecto gastronómico que na casa temos, pero alí hai máis variedade, o aceite, eses queixos, mel,… Todo é unha reconexión e un respecto pola zona, coa festa, coa maneira de vivir. Creo que a Feira do Viño ten un sentido que pasa de xeración en xeración. É unha oda ao que fixeron os nosos antepasados e que se segue facendo agora co mesmo mimo e respecto pola vide. Para min é unha homenaxe ao que somos.

As túas orixes están nese interior de Galicia moi fermoso e “abandonado”, que lle desexas a ese lugar onde están as túas raíces?

Gustaríame que manteña a súa esencia e que sexa compartida. Que a xente poida descubrir a beleza de Quiroga, da Ribeira Sacra, do Canón do sil, da súa gastronomía e as súas xentes. E que as súas xentes tamén amosen a beleza da zona, que se protexa, que se impulse desde o respecto aos seus habitantes, ás familias e á súa historia.

Unha zona próspera desde o respecto, que se ensine ao mundo como o que é. A zona con maior beleza que eu coñezo, seguramente por familia e polas miñas vivencias. Invitaría a todo o mundo a que tivera as súas propias experiencias na Ribeira Sacra porque non hai lugar igual.

Galicia para min é familia, amizade, esencialidade, sorriso, baile,…perdas importantes que tes na vida, toda unha aprendizaxe. Hai xente que non ten aldea, eu teño e seguro que quen ten entende o que digo, non sabería vivir sen o que eu considero o meu refuxio.

Despois do pregón, Afra Blanco tamén escollerá aos gañadores do tradicional concurso de camisetas Feira do Viño 2024 e ao Xornal de Lemos deixounos este agasallo, “Hai moito que coñezo Xornal de Lemos, meu tío e meu pai leno e pasan noticias ao grupo da familia. Somos consumidores do Xornal de Lemos“.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...