Os deputados do Grupo Provincial Popular de Lugo esixiron ao presidente da Deputación, José Tomé, o “arranxo inmediato” da estrada LU-P-2903 ao seu paso por Santa Eulalia de Bóveda, tras comprobar os “incribles danos” que presenta e que “mesmo impiden a circulación a camións ou tractores“, polo que foi necesario cortar un tramo.
O portavoz popular, Antonio Ameijide, acompañado da concelleira en Lugo Flor Rubinos e por veciños desta parroquia, comprobou o estado desta estrada e afirmou que “é imposible entender como o goberno provincial permite que se chegue a esta situación”. O punto danado está na estrada LU-P-2903, xusto a continuación do cruzamento coa estrada LU-P-2923, pouco despois da zona no que se atopa o monumento romano de Santa Eulalia de Bóveda, unha zona moi frecuentada por turistas.
Esta estrada, apuntan os populares, “é fundamental para o desenvolvemento económico desta parroquia” xa que é “a única vía que conecta esta estrada coas parroquias veciñas do Burgo ou Prógalo”. Por iso, desde o Grupo Provincial Popular defenderán unha iniciativa no pleno deste mes para que o goberno da Deputación inicie de forma urxente o arranxo desta estrada.