A ANPA da GÁNDARA, que conta con 100 familias asociadas ten entre os seus fins os seguintes:
- Asistir aos pais, nais e aos/ás titores/as en todo o que afecte á educación dos seus fillos e fillas.
- Requirir aos poderes públicos o cumprimento das leis, regulamentos e plans de actuación relativos á educación, reclamando a actuación que esta merece.
Durante este curso 2023-2024 diverso alumnado de primaria foi privado do seu dereito á asistencia de apoio en Audición e Linguaxe, así como unha redución de apoios de Pedagoxía Terapéutica, de xeito unilateral e sen notificarlles tal circunstancia aos pais e nais dos nenos e nenas afectados/as.
A isto hai que engadir que, debido a graves problemas do centro en canto a xestión e organización dos recursos, estes apoios non son estables xa que cambian practicamente tódalas semanas (número e distribución das horas e persoal asignado) o que supón un gran desaxuste tanto para os/as alumnos/as como para os/as especialistas. Para os/as primeiros/as, porque son nenos/as que precisan dunha rutina, manifesta tanto nos informe do Equipo de Orientación Específica Provincial, como na propia lexislación.
A carencia dos apoios educativos estalles a ocasionar: condutas disruptivas, inseguridades, desaxustes emocionais, baixada do rendemento académico; algúns/algunhas nenos e nenas non dan alcanzado os obxectivos do curso… Tamén a mala organización dos poucos recursos de apoio educativo non lles permite avaliar a fondo as necesidades de cada alumno/a e polo tanto tampouco programar correctamente a súa intervención, xa que en moitos casos os horarios de dedicación cambian dun día para outro e de xeito unilateral.
Tamén cabe mencionar que as familias destes/as nenos e nenas non están sendo informadas nin dos apoios asignados ós/ás seus/súas fillos/as, nin de cantos destes se están facendo efectivos, nin dos cambios semanais que se están a producir. Notar que segundo a lexislación vixente débese notificar tal circunstancia aos titores e titoras legais. Toda esta problemática estase a traducir nunha total incerteza en toda a comunidade educativa polo que algunhas familias están buscando alternativas de calidade para educación dos/as seus/súas fillos/as.
Derivada desta situación, foi presentado un escrito de reclamación ante a Consellería de Educación coa sinatura de familias afectadas de xeito directo, indirecto e de tódolos/as mestres/as e especialistas do primeiro ciclo de primaria no que se solicitaba, entre outros puntos:
- Que se esixira ó centro a correcta xestión e reparto dos recursos de tal xeito que chegue a todo o alumnado en atención ás súas necesidades.
- Que se respectaran as funcións dos/as especialistas e demais profesionais no ámbito das necesidades especificas de aprendizaxe acorde á lexislación vixente.
- Que se lle garantira ós/ás cativos/as unha estabilidade baseada en figuras de referencia de acordo cos obxectivos, fins e principios do sistema educativo (LOMLOE).
A situación en lugar de mellorar está a empeorar considerablemente:
- As familias seguen sen ser informadas por escrito dos apoios que reciben os/as seus/súas fillos/as.
- A data actual, o centro vai polo/a sexto/a orientador/a tamén de baixa, algo totalmente inédito, sen que a Consellería dea unha resposta a tal circunstancia, sendo o CEIP A Gándara un colexio cunha alta porcentaxe de alumnado con necesidades de apoio educativo no Concello de Monforte de Lemos. O departamento de orientación está totalmente paralizado e dende a dirección do centro non se dá resposta a non realizar as valoración e informes obrigatorios para a asignación de recursos de apoio ó centro que lles permitan a estes/as nenos/as recibir a atención que tanto precisan.

CEIP Plurilingüe A Gándara / XdL