O Centro Comercial Urbano de Monforte (CCU) dálle a benvida ao verán cun clásico xa do lecer monfortino nestas datas: a espectacular tirolina que atravesa a explanada da Praza da Compañía. Estará neste emblemático lugar do 25 ao 29 de xuño e, como noutras ocasións, acompañada do rocódromo e dos karts de pedais. Estas actividades, coas que colabora o Concello de Monforte, están cofinanciadas por REDIC – Rede de dinamización comercial da Xunta de Galicia.
TIROLINA DOBRE
Unha atracción que non pasa de moda e que cada ano segue mantendo o atractivo do primeiro día. E non é para menos, pois experimentar a sensación de flotar a varios metros sobre o chan a carón do monumento da Nosa Señora da Antiga é un auténtico privilexio. A actividade está aberta tanto para adultos como nenos maiores de 4 anos.
ROCÓDROMO E KARTS A PEDAIS
O rocódromo é unha actividade apta para nenos e adultos, cunha parede vertical pola cal rubir a unha altura importante e sempre coas garantías de protección de arneses, casco e monitores facendo seguimento.
E se o que vos gusta é conducir polo empedrado da Compañía, podedes probar a experiencia de pilotar algún dos entretidos karts a pedais. Esta actividade tamén se presenta para nenos e adultos, e no caso dos máis pequenos, estes poderán compartir a experiencia xunto a un adulto nun nosos karts de asento dobre.
COMO CONSEGUIR AS ENTRADAS?
Esta actividade, organizada polos comerciantes asociados de Monforte, ten como obxectivo recompensar aos seus clientes e revitalizar o comercio local. Deste xeito, as entradas obteranse facendo unha compra mínima de 10 € –ata fin de existencias– nalgún dos 160 establecementos vinculados ao Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte. Con cada entrada poderase acceder de balde a unha das actividades, a elixir: Tirolina, Rocódromo ou Karts a pedais.
Dende a organización recomendan estar pendentes das súas redes sociais ante a posibilidade de que se agasallen entradas: @ccumonforte en Instagram, Facebook e Twitter.
HORARIO
Tanto os Karts a pedais, como a Tirolina dobre e o Rocódromo, estarán abertos ao público no seguinte horario: mañás de 10:00 a 13:00 horas, e polas tardes/noites de 19:00 a 24:00 h