HomesociedadeChantada presenta as actuacións musicais das Festas Patronais que terán lugar do...

Chantada presenta as actuacións musicais das Festas Patronais que terán lugar do 22 ao 27 de agosto

Como actividades centrais destacan o Folión de Carros que se celebra o 24 de agosto, o Certame de Bandas de Música de Chantada que este ano chega á súa XXXIII edición ou a Festa da Empanada na xornada na que rematan as Festas Patronais de Chantada.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Chantada adianta as actuacións musicais que protagonizarán as Festas Patronais na honra á Virxe do Carme e que se desenvolverán entre o 22 e o 27 de agosto.

Los Fabulosos Weekend abrirán os concertos nocturnos o 22 de agosto. Este singular conxunto músico‐vocal que conta con nomes de artistas de sona en Galicia como Chema Ríos, Alfonso Espiño, Gonzalo Sende ou o popular actor e cantante Manuel Manquiña, ofrece versións de temas de rock clásico e outros temas propios, destacando polo seu enérxico directo.

O rock dará paso o 23 de agosto ao Festival de DJ´s que se desenvolverá na Praza do Pavillón, con artistas como Dumore, Carlos López ou Marcos Magán. “Levamos varios anos organizando este Festival e dámoslle continuidade porque funciona moi ben”, destaca o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

O día 24 de agosto contarase co Folión de Carros, Festa de Interese Turístico Galego, declarada tamén Ben de Interese Cultural (BIC) no 2018. A Asociación Amigos do Folión organiza esta tradicional proposta na que colabora o Concello de Chantada, “O Folión é algo único, non hai outra actividade como esta en ningún lado e desde o Concello tentamos colaborar e coidar esta festa tradicional. Para o remate do Folión estabamos traendo música tradicional, pero este ano cambiamos o plantexamento e contaremos coa orquestra Tango”, explica Diéguez.

Folión de Carros 2023 / Concello de Chantada

“Na programación musical das Festas deste ano haberá actuacións musicais para tódolos gustos e públicos, con especial protagonismo das orquestras, traendo a Chantada algunhas da máis importantes e históricas de Galicia como Los Satélites, Tango, Combo Dominicano ou o Grupo América de Vigo”, destaca o concelleiro de Cultura, Manuel Diéguez.

Así o domingo, 25 de agosto, contarase coas actuacións de Los Satélites cunha longa traxectoria desde o 1938 e 13 discos ás súas costas e La Fórmula que con 17 artistas ofrecerá un show diferente nos concerto deste 2024. Nesta xornada celebrarase ademais o XXXIII Certame de Bandas de Música de Chantada, que terá lugar na Praza do Cantón desde as 18:30h. coa participación de dúas bandas convidadas e a anfitrioa.

O Combo Dominicano e Olympus serán os encargados de poñer a música ao luns, 26 de agosto, no que tamén se celebrará Festa Infantil e pola noite a sesión de Fogos Artificiais.

O día 27, último día das Festas Patronais de Chantada celebrarase a tradicional Festa da Empanada na que non faltará a ambientación musical de charangas e grupos de gaitas. O concertos deste último día de festas correrán por conta do Grupo América e a orquestra Cinema.

Durante as Festas, os Cabezudos farán os seus desfiles polas rúas da vila saíndo desde a casa da cultura. As actuacións das orquestras alternaranse entre a Praza de Santa Ana e a rúa Xoán XXIII. Desde o Concello convídase á veciñanza a participar das diferentes propostas e agárdase que a climatoloxía acompañe. “Organizamos estas Festas tentando traer o mellor e que repercuta económicamente no Concello. Unha programación pensada para todos os públicos na que seguimos confiado porque funciona. Polos datos que temos as Festas están sendo bastante multitudinarias e a xente pásao ben, dinamizando tamén a restauración e a hostalaría local. Se as festas son boas son boas para todas/os. Esperamos que o tempo nos acompañe porque a climatoloxía é importante para ter un bo balance das Festas”, asegura o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.

ÚLTIMAS

O CCU amosa satisfacción pola súa participación activa nas mesas de traballo do ‘Plan Estratéxico do Comercio de Galicia’

Chega un importante plan para revitalizar o comercio en Galicia, trátase do 'Plan Estratéxico...

Agroma Sober denuncia o estado da vía de Sober a Canaval “a unha semana da Feira do Viño”

A vía provincial Sober- Canaval (LU-P-5901) presenta dende hai anos problemas estruturais de deterioro...

Unanimidade na demanda de rehabilitación urxente da N-540 entre Lugo e Ourense

Mentres as persoas usuarias da N-540 se mobilizan reclamando solucións, o BNG segue coa...

Club Quixós: campións da 2ª Copa de España de Augas Bravas

O Club Quixós de piragüismo vén de participar en varias competicións esta pasada fin...