Dende a Asociación Sociocultural Boca do Monte informan que a saída será dende a Praza de Montefurado, onde a Igrexa, ás 9:00 h. e con previsión de chegada no mesmo punto ás 13:00 h. Como recomendacións indican levar calzado e roupa deportiva, sombreiro ou gorra, protección solar, auga e algún tentempé para media mañá.
O percorrido, duns 9 quilómetros, non contempla desniveis importantes e levará aos camiñantes por parte do Camiño de Inverno a Santiago pasando polas seguintes poboacións: Montefurado, O Ermidón, O Ivedo, Alvaredos e Montefurado.
A andaina parte da emblemática Igrexa de Montefurado, de estilo Barroco e construída no ano 1767 polos Sres. de Lamela e Losada para despois saír polo barrio do Cantón de Montefurado ascendendo durante 1 quilómetro polo Camiño de Santiago de Inverno ata chegar á aldea de O Ermidón. Este camiño está popularizándose ultimamente e cada ano pódense ver máis peregrinos e peregrinas disfrutando del.
Dende alí avanzarase para afrontar un tramo de baixada suave ata o lugar de O Ivedo onde se saudará a Pedro e á súa dona, matrimonio que vive nunha das casas da aldea e rodeados de oliveiras coas que producen aceite de oliva virxe de extracción en frío, conservando as variedades autóctonas mansa e brava.
Trala visita ao Ivedo volverase en sentido contrario ao O Ermidón e xa dirección Alvaredos pola estrada onde se poderá admirar o val de Montefurado ata chegar á aldea de Alvaredos que está moi coidada e rehabilitada. A razón é o pulo que lle deu o americano Paul Hobbs que fundou a bodega Alvaredos-Hobbs que comercializa viño internacionalmente. Alguén desa casa ensinará a adega e contará algo do proxecto.
Despois hai que volver para atrás podendo gozar visulamente do val de Vilanuide á outra beira do río para despois baixar por un tramo de sendeiro do Camiño de Inverno ata o Muíño de Montefurado. Alí vive o case centenario, Sr. Casimiro, veciño senlleiro e antigo muiñeiro. Chegando a Montefurado de volta poderase ver, dende a Praza, a Boca do Monte –o túnel de Montefurado– e os restos dunhas médulas, emblemas da minería romana en Galicia.
Contacto coa organización: asociacionbocadomonte@gmail.com / 657014555