O Tenente de Alcalde do Concello de Quiroga e concelleiro de Turismo, Vicente Parra e o Presidente da Deputación Provincial, José Tomé Roca, asinaron un acordo de colaboración no que a institución provincial achega unha aportación de 10.000€ para colaborar no programa de dinamización turística para este verán en Quiroga.
Algunha das actividades que se realizaron no mes de xullo foron o Roteiro das fervenzas de Quiroga, Descubrimento de barranquismo en Campodola, o Roteiro Literario, o Roteiro do Ouro de Margaride ou actividades acuáticas en Augasmestas.
A seguinte parada no programa Descubrir Quiroga será o mércores, 31 de xullo cunha actividade para coñecer a arte urbana de Quiroga. Este novo roteiro levará os participantes a coñecer todos os murais cos que conta a vila quiroguesa, o seu remate gozarán dunha cata de viño comentada pola adega Casa de Outeiro na Casa do Estanco e un concerto acústico de Mario Colomán.
Nesta mesma semana o venres, día 2 de agosto, tamén terá lugar o roteiro Coñece os Museos de Quiroga, as rochas que pisamos e os seus sabores: castaña, marmelada e mel. Visitaranse os dous museos locais facendo un percorrido diferente. A actividade finalizará cunha degustación de produtos locais da man de Caurelor.
Os seguintes roteiros celebraranse o 21 de agosto co Descubrimento do barranquismo en Campodola; o 30 de agosto o Roteiro da encomenda de Quiroga; 31 de agosto coa visita a Montefurado, terra de romanos. No mes de setembro, o día 13 novamente barranquismo enCampodola; o 21 Paisaxes sonoros do Val da Seara e finalmente o 28 de setembro o Camiño de inverno á inversa.
As persoas que desexen participar nalgunha destas actividades deberán formalizar a súa inscrición de xeito presencial na Casa da Cultura de Quiroga ou enviando un correo electrónico á seguinte dirección cultura.quiroga.quiroga@eidolocal.es. A hora límite para anotarse será ás 13:00 horas do día anterior a actividade que se desexe realizar.
Tomé Roca sinalou que “dende a Deputación seguimos reforzando un dos elementos que vertebran a nosa liña política, a cooperación cos Concellos”. Nesta liña, o Presidente sinalou que “Quiroga conta cun destacado patrimonio natural, histórico e cultural digno de coñecer, por iso colaboramos co desenvolvemento desta programación que atrae a numerosos visitantes á zona, o que supón un importante revulsivo económico, non só para este municipio, senón tamén para toda a contorna”.