“Máis de 100 metros de gymkhanas con novos obstáculos para vivir unha experiencia aínda máis espectacular que a de anos pasados”, así convidan á veciñanza e visitantes os responsables do Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte de Lemos para aproveitar a ocasión de pasalo en grande do 22 ao 24 de agosto, na Praza da Compañía.
GYMKHANAS DE 76 E DE 35 METROS
Para este ano, o CCU presenta unha Gymkhana de 76 metros de inchables con 7 módulos totalmente novos con obstáculos diferentes e nunca vistos antes en Monforte. Atracción apta a partir de 5 anos e sen límite idade para poder empregala no caso de verse en forma e sen problemas de saúde. Ademais desta novidade, os máis peques tamén poderán gozar dunha nova gymkhana de 35 metros, pensada especialmente para eles. Neste caso, recoméndase o emprego da mesma só para aqueles pequenos e pequenas que teñan non máis de 5 anos.
Estas actividades están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e contan coa colaboración do Concello de Monforte.
COMO CONSEGUIR AS ENTRADAS?
Os clientes do Centro Comercial Urbano (CCU) de Monforte poden acceder por 1€ presentando unha entrada da actividade. Para conseguir as entradas da actividade é necesario facer un gasto de polo menos 9 € nalgún dos establecementos asociados ao CCU (cada negocio contará con 50 entradas).
O acceso para quen non poda presentar entradas conseguidas como se vén de comentar, terá que pagar 15 € por entrada + 1€ de acceso a algunha das Gymkhanas.
Da entidade dinamizadora do comercio local monfortino recomendan tamén estar atento ás súas redes sociais, @ccumonforte en Instagram, Facebook e X, onde será posible que se agasallen entradas entre os/as seguidores/as.
HORARIOS
As dúas Gymkhanas estarán abertas ao público no seguinte horario:
– Mañás: de 11.00 a 14.00 h.
– Tardes/Noites: de 17.00 a 22.00 h.