O Servizo de Atención Temperá da Comarca de Chantada, que conta coa agrupación dos concellos de Chantada, Carballedo e Taboada, comezou a funcionar o 1 de setembro do 2022. Esta mañá reuniuse a Comisión Mixta do Servizo na que desde o Concello de Chantada se deu conta aos representantes dos Concellos de Carballedo e Taboada da xestión do Servizo. Participaron do encontró o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela e a concelleira de Servizos Sociais, Cándida Carnero; Alba Pérez Iglesias, en representación do alcalde de Carballedo, o alcalde de Taboada, Roi Rigueira; e persoal dos servizos sociais e do centro de atención temperá.
Desde os concellos amosaron a súa satisfacción por contar cunha atención temperá de balde e próxima ás familias, “un servizo que está funcionando moi ben e xa está consolidado. No último ano atendéronse 85 nenas/os dos tres concellos e na actualidade temos 45 nenas/os en activo e 5 máis en seguimento”, explica o alcalde do Concello de Chantada, Manuel Lorenzo Varela.
Tal e como se recolle no DECRETO 183/2013, do 5 de decembro, polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá, no seu capítulo I artigo 2.1. “enténdese a atención temperá como un conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. Desde os servizos de atención temperá ofrecerase unha intervención biopsicosocial que favoreza a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social.”
Reunión Comisión Mixta Atención Temperá comarca Chantada / Concello de Chantada
O servizo é gratuíto e as persoas destinatarias da atención temperá son os/as nenos/as de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en situacións de risco de padecelos. A derivación a este servizo realízaa a pediatra, que é quen en función das observacións que ela faga, das demandas da familia, e de selo caso das aportacións do ámbito educativo, inicia o acceso ao SAT.
Datos da poboación infantil de 0-6 anos na comarca de Chantada
Nos últimos anos houbo un incremento de familias estranxeiras, que aumentaron a poboación, polo que no servizo evidénciase unha gran porcentaxe de usuarios que pertencen a este colectivo.
O concello de Chantada conta no mes de xullo de 2024 con 8.180 habitantes dos que 327 son nenos/as de 0 a 6 anos. O concello de Carballedo con 2.020 habitantes ten 26 nenos/as nesta franxa de idade e o de Taboada con 2.631 habitantes, ten 66.
Do número total dos nenos/as que residen en cada concello acoden e/ou acudiron ao servizo (dende a súa apertura) a seguinte porcentaxe:
- Chantada: 19,26 %
- Carballedo: 26,92 %
- Taboada: 22,72 %
Dos 85 expedientes que se abriron no servizo a porcentaxe de nenos/as que asiste e/ou asistiu de cada municipio é a seguinte:
- Chantada: 74,11 %5
- Carballedo: 8,23 %
- Taboada: 17,64 %
Reunión Comisión Mixta Atención Temperá comarca Chantada / Concello de Chantada
Funcións do Servizo de Atención Temperá
O servizo conta con 5 profesionais, 2 Psicólogas, Logopeda, Mestra de Educación Infantil e Terapeuta Ocupacional, para desenvolver as seguintes funcións:
- Acollida, valoración evolutiva e intervención interdisciplinar dos/as nenos/as de 0 a 6 anos con trastornos ou situacións vulnerables do desenvolvemento.
- Aportación e aplicación integrada de técnicas relacionadas coa Atención Temperá, nos campos da psicoloxía, da logopedia e da educación.
- Apoio emocional, social, informativo e formativo á familia relacionado coa información diagnóstica ou co trastorno do desenvolvemento.
- Información, orientación e apoio relacionado co desenvolvemento persoal e cas necesidades cotiás.
- Orientación sobre outros apoios económicos, sanitarios, educativos e sociais.
- Coordinación cos recursos sanitarios, educativos e sociais e apoio ás escolas infantís de primeiro e segundo ciclo.
- Análise de contextos e itinerarios con identificación de factores facilitadores e barreiras.
- Sensibilización do entorno comunitario respecto da comprensión do/a neno/a co trastorno no desenvolvemento.
O servizo funciona desde setembro ata xuño en horario de 09:00h a 19:00h de luns a xoves e de 09:00h a 14:30h os venres. O horario de atención durante os meses de xullo e agosto é dende as 08:30h ata as 15:30h, os luns, xoves e venres, e dende as 08:30h ata as 17:30h os martes e mércores. Contactos: 621 18 15 57 / 982 83 13 32 / satcomarchantada@gmail.com