Homesociedade5 novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica en explotacións bovinas das provincias...

5 novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica en explotacións bovinas das provincias de Lugo e Ourense

A Xunta notificou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) a detección de cinco novos focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE). Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Lugo e A Fonsagrada, na provincia de Lugo, e de tres focos nas comarcas veterinarias de Baixa Limia, Ourense e Terra de Celanova, na provincia de Ourense.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Ao tratarse de focos localizados en provincias nas que xa se declarara a enfermidade en 2024, o diagnóstico laboratorial foi realizado exclusivamente polo Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia, dependente da Consellería do Medio Rural.

Con esta declaración, Galicia ten notificados focos en 15 comarcas veterinarias; 10 na provincia de Ourense (Maceda, A Limia, Ourense, Terra de Celanova, Baixa Limia, Verín, A Gudiña, Terra de Trives, Terra de Caldelas e Viana) e cinco na de Lugo (Ancares, Sarria, Terra de Lemos, Lugo e A Fonsagrada), neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor. Así, o número de explotacións positivas confirmadas sitúase en 195 e os animais positivos confirmados en 381.

A EHE é unha enfermidade infecciosa, pero non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente a través da picadura de mosquitos do xénero Culicoides,spp. Dada a vía de transmisión, esta enfermidade aparece mentres exista o mosquito vector circulando no ambiente. Existe polo tanto un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro, nos meses de inverno, nos que ao no existir circulación do vector, non existe posibilidade de infección nos animais.

A única vía de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, polo que non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, esta doenza non afecta ás persoas, que non poden enfermar nin pola picadura do mosquito transmisor, por contacto con animais infectados, nin polo consumo de produtos de orixe animal (carne, leite…) destes animais.

A Consellería do Medio Rural foi unha das pioneiras neste sentido e habilitou en 2023 a indemnización dos animais falecidos a consecuencia desta enfermidade, que continúa tamén en 2024. A esta liña de apoio sumaranse tamén as axudas por tratamentos veterinarios aos animais afectados ou por uso de desinsectantes nas explotacións, comprometendo o MAPA un total de 15 millóns de euros en toda España para este fin neste ano, pero aínda pendentes de aprobarse e derivarse ás comunidades autónomas.

Nesta liña, a Consellería do Medio Rural reitera a necesidade de que se activen, mediante o correspondente Real Decreto, eses 15 millóns de euros comprometidos para a loita contra esta enfermidade e que, entre os custos subvencionables, se permita incorporar a vacina. Ao tratarse dunha enfermidade vírica non hai tratamento curativo, pero existe unha vacina desenvolvida pola farmacéutica galega Zendal e autorizada pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, que xa está dispoñible para a súa adquisición baixo prescrición veterinaria.

ÚLTIMAS

Descenso do Cabe en piraguas para empezar o 2025

As xeadas déronlle a benvida ao 2025 no sur de Lugo, tendo Monforte na...

Deputación e Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra renovan a súa colaboración

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o máximo responsable do...

Teatro familiar este 3 de xaneiro na casa da cultura de Monforte de Lemos

O Cachopo Máxico é unha alegre interpretación do Nadal dende a perspectiva dos costumes...

Sesión de contos da man da Mesa Pola Normalización Lingüística en Sober

Contactamos con vós dende A MESA Lemos para informarvos dunha actividade que organizamos e que terá...