A Escola de Música Xeoparque Montañas do Courel ten aberto o prazo de inscrición para o novo curso no que teñen cabida tanto nenos e nenas a partir dos seis anos como adultos sen límite de idade. Un amplo abano de instrumentos teñen cabida nesta escola, que permite ademais o acceso a exames RSL, para obter titulacións oficiais en música moderna.
Esta escola púxose en marcha o pasado ano entre tras un acordo entre os tres concellos do xeoparque –Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Courel– e a Escola de Música Moderna de Monforte. Ademais de alumnos e alumnas dos tres concellos o pasado curso tamén chegaron algúns da comarca de Valdeorras sobrepasando a trintena.
As clases, impartidas por 4 especialistas, repartiranse entre os concellos de Quiroga e Ribas de Sil os xoves entre as catro da tarde e as nove da noite. Concretamente, nas instalacións do Centro Social de Quiroga e nun edificio municipal de Ribas de Sil. As especialidades musicais coas que nun principio se vai comezar serán as seguintes: guitarra –-clásica, acústica e eléctrica–, baixo, piano e teclado, voz e batería e percusión. Como novidade neste curso implántase ademais teoría musical.
O custo da inscrición é de 39 € e a cota mensual está fixada en 55 €. Para obter máis información e inscribirse pódese facer a través do teléfono 982 874.976 ou do correo electrónico infor@escolamusicamoderna.es.