A expedición galega en Seúl, á que se lle estima un volume de negocio de 6M€, foi organizada por Ares 22 e estaba formada por tres empresas punteiras en produtos de calidade: Grupo Cuevas, Conservas Friscos e Don Bernardino. A adega acudía como representante dos viños tintos galegos para promocionar os seus viños de finca: Vacamulo, Finca Mezquita, 4ª Generación e Melanio.
“Para Don Bernardino poder presentarnos en Corea do Sur supón un importante paso para seguir abrindo novos mercados. Somos ademais pioneiros en comercializar os viños de Amandi en Asia. Sempre é unha honra dignificar e difundir os valores dos viños deste territorio”, asegura Diego Rodríguez, responsable de Don Bernardino.
A subzona de Amandi na D.O. Ribeira Sacra caracterízase pola súa pequena extensión de viñedos de forte pendente con orientación sur a beiras do río Sil. O territorio alterna chans graníticos e de lousas con elementos de xistos e cuarcitas. Todos eles elementos que lle dan gran personalidade a estes viños, tratados desde o respecto e o valor diferencial dos viños de finca.
Don Bernardino na Taste Spain Seúl 2024 / Don Bernardino
Vacamulo, Finca Mezquita, 4ª Generación e Melanio, os viños que Don Bernardino levou a Corea do Sur, son 100% Amandi, representando a máxima expresión desta subzona. Ademais contan co aval de numerosos premios e recoñecementos. A adega destaca situar aos catro por encima dos 95 puntos en Decanter Magazine ou que o cineasta, Woddy Allen, asinase no seu momento unha etiqueta de Vacamulo como mostra de apoio á singularidade do viño e creatividade do deseño.
“Presentámonos en Corea do Sur cos nosos viños máis especiais e vimos moi satisfeitos porque importadores e distribuidores destacaron a súa calidade e definíronos como os mellores viños do evento. O feedback foi bo, ademais do valor comercial, agora debemos elixir o importador adecuado con traballos previos de mercado, que saiba xestionar a falta de stock, porque os nosos envíos xa están vendidos”, explica Diego Rodríguez.
Fai máis dunha década Don Bernardino tocaba o cume da internalización presentándose no Eleven Madison Park de Nova York, naquel entón considerado o mellor restaurante do mundo. Durante este tempo a adega foi ampliando o mercado internacional sempre desde a calidade e o valor diferencial dos seus viños. Hoxe a exportación supón o 30% da facturación da adega, exportando a Europa e América do Norte. Coa presentación na Taste Spain Seúl 2024, súmase Asia como novo destino para os viños de Don Bernardino.
Don Bernardino na Taste Spain Seúl 2024 / Don Bernardino