HomesociedadeEmilio Rúa será o pregoeiro da XXV Festa da Pisa de Froxán

Emilio Rúa será o pregoeiro da XXV Festa da Pisa de Froxán

A aldea do Concello de Folgoso do Courel convida a festexar esta edición tan especial o vindeiro sábado 7 de decembro. Ademais da esperada demostración de 'Pisado e Abandoxado' haberá moita música e poderase degustar o 'Menú do Pisador'.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A Festa da Pisa de Froxán alcanza este sábado 7 de decembro os 25 anos e faino cun programa que, sen perder a súa esencia, incorpora interesantes actividades entre as que se inclúe a presentación da Asociación Galega das Castañas e dos Soutos. E para unha edición especial, un pregoeiro tamén especial, o cantautor Emilio Rúa.

Como manda a tradición, vivirase o acendido do sequeiro e despois, sobre as 12:00 h., terá lugar a esperada demostración do Pisado e do Abandoxado das castañas secas. Trátase de quitarlle a casca de forma manual ás castañas que se foron secando polo calor do lume que se lle fixo durante días na parte baixa do sequeiro. O proceso consiste en meter uns quilos de castañas nun saco de lenzo e despois, entre dúas persoas que collen o saco polos dous extremos, golpealas contra un tallo de madeira ata sacarlle a casca. Castañas e casca van a continuación ao bandoxo para que unha persoa, con moito xeito e experiencia, separe a castaña seca da casca. O movemento acompasado do bandoxo, guindando ao aire castaña e casca, fai que a broza vaia para fóra e a castaña vaia quedando neste aparello de madeira con forma de media lúa e asas. Xan de Vilar é o referente de moitos anos neste traballo.

Ademais desta enxebre demostración, Froxán acollerá un pequeno mercado rural con postos de produtos locais e artesanía, haberá música e poderase gozar do Menú do Pisador sempre que se reserve con antelación. Este consistirá nun prato principal a base de castaña seca cocida con chourizo e panceta, e nunha sobremesa que será a Torta de Castaña. O prezo é de 15 euros por persoa e non inclúe bebida nin café.

A Asociación Fonte do Milagro, organizadora do evento, facilita a través da súa web o proceso de reserva para ese xantar.

Menú do Pisador. Foto: Asoc. Fonte do Milagro (2015).
PROGRAMA AO DETALLE

11:00.- Acendido do Sequeiro e mostra do seu funcionamento.

12:00.- Demostración do proceso de Pisado e Abandoxado da Castaña Seca animado polo grupo de música tradicional AIKIRINDO.

13:30.- Pregón a cargo do cantautor Emilio Rúa.

13:50.- Presentación da recentemente creada Asociación Galega das Castañas e dos Soutos na que intervirá o seu presidente e membros da Xunta Directiva.

14:10.- Xantar do Menú do Pisador composto por castaña seca cocida, panceta, chourizo e tarta de castaña. (Prezo Menú 15 €uros)

16:00.- Sorteo da gran cesta e outros agasallos.

16:30.- Volve a Pisa e Abandoxado onde pode participar o público.

18:00.- Foliada libre.

20:00.- FIN de FESTA.

ÚLTIMAS

O concello de Monforte requerirá a Aqualia para dar solucións integrais aos problemas de Escultor Francisco Moure e Reboredo

O contrato do concello de Monforte con Aqualia naceu no 2001, "xa dende o...

Unha nova xornada do ‘Marida Maio’ no Centro do Viño da Ribeira Sacra

Este xoves, 22 de maio, terá lugar ás 19:30 h. a segunda xornada da...

Prazo de inscrición aberto ata o 10 de xuño para participar na XXV edición de Artelemos

Como o ano pasado a cita coa mostra de artesanía durará 6 días, nesta...

25.000€ da Deputación para promoción turística da Ribeira Sacra

O mandatario provincial, José Tomé, puxo en valor o labor do Consorcio de Turismo...