O labor de acompañamento socioeducativo e asesoramento do SEAF chantadino refórzase agora con apoio emocional e psicolóxico ás familias, especialmente para aquelas en situacións de vulnerabilidade que contan con menores de idade.
A maior parte das familias que se atenden no SEAF chegan derivadas de servizos sociais, tendo este servizo como obxectivos principais: Reforzar, estimular e potenciar os recursos persoais das familias, as súas capacidades e potencialidades para a solución das dificultades nas que se poidan atopar nas diferentes etapas do ciclo familiar, facéndoas partícipes e protagonistas do cambio; previr, detectar e atender situacións de elevada vulnerabilidade: infancia e adolescencia en situación de dificultade social, risco ou desamparo, violencia intrafamiliar; ofrecer unha resposta próxima, integral e axustada ás necesidades e características das familias; facilitando alternativas, recursos e itinerarios socioeducativos; e promover o coñecemento e recoñecemento da diversidade familiar.
Así e SEAF de Chantada está antendido por unha educadora social e un psicólogo que traballan transversalmente cos centros de ensino, o Centro de Información á Muller (CIM), o servizo de Atención Temperá, Saúde Mental, entre outros.
Xurxo Novoa Salgado, psicólogo do SEAF de Chantada, explica que leva atendido a unha ducia de familias que presentan como problemas máis frecuentes, a ansiedade e a depresión. En palabras del “as familias en situacións de vulnerabilidade poden ter dificultades emocionais ou de saúde mental, o máis frecuente son problemas de ansiedade e depresión. Nos/as menores, cuestións derivadas da presión académica ou dos principais problemas familiares, incerteza sobre o futuro, dificultades derivadas de situacións traumáticas no fogar ou nos centros educativos. Tamén son frecuentes as dificultades asociadas ao uso problemático de internet e redes sociais, autoimaxe, comparacións constantes que afectan á autoestima, ansiedade social e confictos familiares, divorcios, falta de apoio emocional,…”
Desde a área de psicoloxía do servizo trabállase coas familias prestando especial atención aos menores, que son os máis vulnerables. “Expoñemos obxectivos de traballo coa familia para protexer aos menores, porque están no proceso de desenvolvemento e é cando máis poden afectar as dificultades psicolóxicas e emocionais ao seu futuro. A familia desempeña un papel fundamental como contexto para o benestar do menor. É no seo familiar onde os nenos atopan o apoio emocional, a seguridade e os valores necesarios para o seu desenvolvemento integral. Desde o servizo, tratamos de traballar en equipo co resto de profesionais para garantir unha atención integral e coordinada ás familias e aos menores”.
O Concello de Chantada conta con este reforzo do servizo ata o 30 de abril, grazas a unha subvención de inclusión social e loita contra a pobreza, a través dunha operación cofinanciada parcialmente co Fondo Social Europeo Plus (FSE+) a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027 para fomentar a inclusión activa con obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular, para os colectivos desfavorecidos.