A XXI Feira Medieval celebrarase o sábado día 19 e o domingo, 20 de abril de 2025, coincidindo coa fin de semana de Semana Santa. Despois de ter chegado no pasado ano á XX edición, o concello ten solicitado a declaración de Feira de Interese Turístico Galego, “pero aínda non recibimos a resolución a este respecto por parte da Xunta de Galicia”, explica o acalde, José Tomé.
Despois de aprobar as bases de participación na Feira o concello abre tamén a convocatoria do Concurso de axudas para a confección de Traxes Medievais. As axudas pasan de 50€ por persoa a 60€. José Tomé Roca, salienta que “con esta convocatoria queremos animar ós monfortinos e monfortinas a que participen activamente na Feira Medieval, coa confección dos seus traxes, participando no concurso de axudas a través das tres radios locais ata o 28 de febreiro de 2025”.
Para participar no concurso deberán chamar ata o 28 de febreiro ás radios Onda Cero Monforte, Radio Principal Monforte Cadena Ser e Radio Monforte, durante o espazo destinado á súa programación local de luns a venres e contestar a unha pregunta referida a Monforte formulada pola locutora ou o locutor.
As radios colaboradoras emitirán unha lista o 3 de marzo das persoas que acertasen as preguntas co seu nome e teléfono de contacto. Estas persoas deberán pasar polo Concello, entre o 7 e o 14 de marzo, para realizar unha solicitude formal no Rexistro municipal, para que sexan subvencionadas cunha cantidade máxima de 60 euros por persoa.
Os beneficiarios da axuda terán que xustificar a súa participación na Feira Medieval durante os días 19 e 20 de abril presentándose co seu traxe na Oficina de información da Feira Medieval sita na praza de España. Os beneficiarios da subvención, entre o 21 e o 30 de abril, deberán presentar ó seu nome no rexistro do Concello de Monforte a factura xustificativa do gasto da tenda colaboradora coa Feira Medieval onde realizou o seu traxe.
Os establecementos colaboradores co Concello de Monforte no Concurso de axudas para traxes medievais son:
- Retales Merce: Rúa Doutor Teijeiro, 38.
- Coser Cosiendo: Rúa Calvo Sotelo, 7.
- Nita Veiga: Rúa do Cardeal, 6 (só adquisición de teas).
- Teresa Lamela Costura: Rúa Doutor Casares, 66.
- Gnomos: Rúa Hermida Balado, 10.
Participación na XXI Feira Medieval
Tamén na Xunta de Goberno celebrada este 17 de febreiro aprobáronse as bases para a solicitude de participación na XXI Feira Medieval. O prazo de inscrición está aberto ata o 17 de marzo, e posteriormente publicarase na páxina web municipal (www.monfortedelemos.es) a listaxe de admitidos e admitidas, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o pago dos prezos de inscrición.
A organización da XXI Feira Medieval admite tres modalidades de postos: gastronomía, artesanía e comercio. E, do mesmo xeito, darase prioridade ás solicitudes de vendedores e vendedoras de Monforte, así como aqueles postos de artesanía con carta de artesá ou artesán.
O prezo dos postos de artesanía e comercio será de 41,19 € para os que midan ata 3 metros de longo e de 51,54 € para os que pasen desta medida. Os postos gastronómicos deberán ingresar 61,89 € independentemente do seu tamaño. No transcurso da Feira Medieval, o horario de apertura dos postos inscritos será ás 10:00 horas e o peche dos mesmos será entre as 21:00 e 23:00 horas.
Todas as persoas interesadas en solicitar a participación con posto de venda na XXI Feira Medieval de Monforte de Lemos, deberán cubrir a solicitude oficial, na que se inclúe a Declaración Responsable e presentalo no rexistro xeral do Concello de Monforte de Lemos ou a través da sede electrónica: https://sede.monfortedelemos.es
Tamén poderán presentarse no Rexistro oficial do Concello. No caso de presentarse fora do Concello, o/a solicitante deberá dirixir por correo electrónico á dirección: feiramedieval@concellodemonforte.com, a correspondente solicitude e documentación anexa no prazo establecido como período de solicitude. Para máis información, dirixirse á Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello (Casitas da Compañía), nos teléfonos: 698181551 e 982884775 e no correo: feiramedieval@concellodemonforte.com.