HomesociedadeTim Burton seducido por Monforte de Lemos

Tim Burton seducido por Monforte de Lemos

O director e produtor estadounidense pasou uns días na cidade convidado polo seu colega Dani de la Torre. Na súa breve estancia visitou varias localizacións e reuniuse co alcalde José Tomé.

Publicado o

- Advertisement -

A cidade do Cabe podería ser o escenario da vindeira película de Tim Burton tras quedar seducido pola súa brétema invernal e contar co apoio do monfortino Dani de la Torre como director do filme.

O cineasta norteamericano coñeceu a Dani nun recente festival de cine e falando falando chegaron á conclusión de que a cidade de Monforte podería reunir as características que o novo proxecto de Burton precisaba. De feito, de todos/as é coñecido que as súas películas caracterízanse pola presenza de mundos imaxinarios con ambientacións escuras, neboentas e tétricas cuxos protagonistas adoitan ser enigmáticos e inadaptados.

Semanas despois, o director monfortino recibía a chamada de Tim Burton para felicítalo pola película “La Sombra de la Ley”. Ademais de comentar aspectos do filme lembroulle o tema de Monforte como posible opción para localizar a súa produción. E foi neste momento cando Dani de la Torre convidouno a visitar a cidade para coñecer de primeira man as posibilidades que lle ofrecía o lugar.

Dito e feito, Tim Burton presentouse días atrás e puido comprobar como loce Monforte con todo o seu esplendor neboento. De la Torre, tras coñecer o guión provisional da película, ensinoulle diferentes localizacións que poderían encaixar, recunchos escuros, edificios e construcións con historia, a ponte medieval, a Compañía… Burton quedou abraiado, os lugares que coñeceu parecéronlle extraordinarios e para acabar de rematar a brétema sempre estivo presente para crear esa atmósfera tenebrosa que tanto lle gusta.

Vista neboenta dende a ponte de madeira no Río Cabe. Foto: XM

Tan impresionado e convencido quedou que xa lle propuxo a Dani ser o director da película. Antes de abandonar a cidade, foron ver ao alcalde, José Tomé, para trasladarlles a súa idea. Tomé encantado, “todo o que poña en valor a Monforte, benvido sexa”, dixo. E engadiu “estando no proxecto Dani de la Torre, o que faga falta”. O Alcalde ofreceulles colaboración loxística e económica e animounos a concretar a produción o antes posible para poder tratar o tema no Pleno e anuncialo xa en rolda de prensa.

Dani de la Torre explicoulle a Tomé que como a ambientación da película era case cento por cento baixo a brétema igual non se vía moito Monforte pero pouco lle importou afirmando que, “con que saia algo da Compañía e da ponte medieval chega ben, e se non, xa se nos verá nos títulos de crédito”.

A Compañía de Monforte na brétema / XdL

ÚLTIMAS

O 19 de xullo comeza o servizo de lanzadeiras na Ribeira Sacra cunha nova ruta desde Chantada

O servizo de lanzadeiras que pon en marcha o Consorcio de Turismo da Ribeira...

Promoción de produtos agroalimentarios de calidade en Bóveda

A XXI edición da Feira Outrora, en Rubián, contou este ano coa presenza da...

A Xunta Local de Seguridade de Chantada coordina o dispositivo da Subida a Chantada e das Patronais

A 51ª edición desta proba automobilística celebrarase os días 25, 26 e 27 de...

Sarria celebra desde este 14 de xullo ata o día 20 a IV edición do Ultreia e Suseia

Sarria acolle desde este luns e ata o 20 de xullo unha nova edición...