HomesociedadeMonforte celebra o 8M cun manifesto e unha homenaxe mural ás...

Monforte celebra o 8M cun manifesto e unha homenaxe mural ás lavandeiras do Río Cabe

O acto principiou coa lectura do manifesto a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, e despois inaugurouse un Mural en homenaxe ás lavandeiras do Río Cabe realizado pola artista Xoana Almar. As persoas asistentes recibiron como agasallo libretas e bolsas de tea serigrafiadas cunha lavandeira.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Este 8 de marzo pola mañá tivo lugar a Concentración oficial e o Manifesto polo “Día internacional da Muller” en Monforte de Lemos cunha ubicación distinta a doutros anos. O acto trasladouse ao Espazo do Cuadrado do Parque dos Condes lugar onde se inaugurou un mural realizado para a ocasión.

O acto principiou coa lectura do manifesto a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López, e no mesmo estiveron presentes diversos membros do Equipo de Goberno: o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, e Tecnoloxía, Guillermo Díaz; así como da Corporación Municipal, as responsables do Centro de Información á Muller, e numerosos veciños e veciñas de Monforte.

A sentida lectura do manifesto puxo o foco no apoderamento e na figura das lavandeiras do Cabe, “mulleres valentes e loitadoras que se enfrontaban día tras día ao frío, ao calor, á choiva e á neve para lavar a roupa nas beiras do río Cabe”. Nese senso, Margarita subliñou que “nos tempos de hoxe xa non vemos ás lavandeiras con eses pesados baldes pero vemos a moitas mulleres con outras cargas: dobres e triples xornadas, falta de conciliación, discriminación salarial, violencia, sexismo… que non debemos esquecer”. E como remate, a concelleira recitou o seguinte poema de Carmen Iglesias:

RÍO CABE

Río que no Incio nace

pero logo o abandona

e, á cidade de Monforte

converte na súa dona.

Cando chegas a Monforte,

pasas moi paseniño

para non espertar á xente

que está botando un soniño.

Noutros tempos, río Cabe

agachabas os segredos

das parolas das lavandeiras

cando viñan dos seus cestos.

Nestes cestos, río Cabe

a súa roupa lavaban

e logo axeonlladas

coa súa auga, coma neve a deixaban.

Agora as lavandeiras, non lavan

as barquiñas voltan a navegar

e, as xentes divírtense,

cando nas barcas están.

Cidadáns de Monforte,

aprendede ao río coidar

pois nel tedes un tesouro

non o deixedes estragar!

A Concelleira de Muller e Igualdade desculpou a ausencia do Alcalde, José Tomé Roca, xa que por motivos ineludibles de axenda, foille imposible participar no acto, ao igual que outros membros do Equipo de Goberno.

Lectura do manifesto a cargo de MArgarita López. Foto: Concello de Monforte.
INAUGURACIÓN DO MURAL

Rematado o manifesto procedeuse á inauguración dun mural en homenaxe ás lavandeiras do Río Cabe realizado pola artista Xoana Almar.

“Dende o Equipo de Goberno, con este mural quixemos render unha homenaxe ás nosas mulleres lavandeiras de Monforte, que realizaban este traballo tan duro e tan necesario na vida daqueles tempos e, como de costume, era tan pouco valorado”, explicou Margarita López.

Tras a inauguración do mural dedicado ás lavandeiras, repartíronse entre o público asistente libretas e bolsas de tea coa figura dunha lavandeira e moita xente aproveitou a ocasión para sacarse fotos coa creación gráfica de Xoana Almar.

O MURAL E A SÚA AUTORA

O formato horizontal do muro do Espazo do Cuadrado determinou a composición de Xoana Almar: unha fileira de mulleres nun primeiro plano lavando no río. O estilo ten relación coa pintura de Xosé Vizoso, artista gráfico de Mondoñedo, recentemente falecido, a través da composición formada por figuras sinxelas e expresivas.

Nun dos laterais do mural poderase ler “Lavandeiras” e no  outro “do Río Cabe”, con letras que continúan a paisaxe e que se debuxan recortando a pintura e sen trazar.  Sobre a “ese” de “Lavandeiras” unha lavandeira paxaro observa a estas mulleres.

Xoana Almar é unha artista nada en 1983 en Santiago de Compostela. Licenciada en Economía pola USC, licenciada en Antropoloxía Socialpola Universidade de Granada e conta cun Ciclo Superior de Ilustración da Escola de Arte de Granada.

No 2013 creou xunto a Raquel Doallo e Miguel Peralta a empresa cooperativa Cestola, onde se adican á pintura, a ilustración e o muralismo, pintando sobre todo murais en festivais, para Administracións Públicas, empresas, asociacións e particulares, contando actualmente con máis de 100 murais realizados. A maioría deles son realizados en cidades, vilas e aldeas galegas, pero tamén traballaron en Madrid, Valencia, Extremadura, Aragón, Asturias, Andalucía e Euskadi, e en países como Portugal, Alemaña e Francia.

ÚLTIMAS

O concello de Monforte requerirá a Aqualia para dar solucións integrais aos problemas de Escultor Francisco Moure e Reboredo

O contrato do concello de Monforte con Aqualia naceu no 2001, "xa dende o...

Unha nova xornada do ‘Marida Maio’ no Centro do Viño da Ribeira Sacra

Este xoves, 22 de maio, terá lugar ás 19:30 h. a segunda xornada da...

Prazo de inscrición aberto ata o 10 de xuño para participar na XXV edición de Artelemos

Como o ano pasado a cita coa mostra de artesanía durará 6 días, nesta...

25.000€ da Deputación para promoción turística da Ribeira Sacra

O mandatario provincial, José Tomé, puxo en valor o labor do Consorcio de Turismo...