A tempada 2025 das rutas fluviais pola Ribeira Sacra comeza cunha gran acollida por parte do público, que xa realizou 15.453 reservas. Este incremento de 3.453 reservas con respecto ao ano pasado reflicte o crecemento da demanda e a consolidación destas rutas como unha das principais alternativas turísticas en Galicia.
José Tomé destacou que o modelo de turismo sostible impulsado pola Deputación de Lugo busca diversificar a oferta turística, desestacionalizar a demanda e potenciar o desenvolvemento económico en todas as comarcas da provincia. “Este servizo é un motor económico fundamental para a comarca da Ribeira Sacra, pois atrae a novos visitantes e dinamiza a economía local. O investimento que destinamos cada ano repercute directamente no turismo, a hostalería e o comercio, axudando a manter as zonas rurais vivas e a xerar oportunidades para as nosas xentes”, afirmou.
O Presidente compartiu viaxe cos primeiros pasaxeiros desta tempada, que elixiron a ruta fluvial polos Canóns do Sil. Durante a travesía, desexou aos visitantes unha boa experiencia e animonos a descubrir a fondo a comarca, destacando a súa beleza paisaxística, a súa rica cultura vinícola e o patrimonio histórico da zona.
No acto de apertura da nova tempada de rutas participaron xunto ao Presidente da Deputación de Lugo, a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada e a concelleira de Consumo, Regina López do Concello monfortino; o Alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o concelleiro soberino Iván Armesto; e o concelleiro de Turismo do Concello de Castro Caldelas, Antonio Pérez Blanco, así como o xerente do Grupo TRAGSA.
Reservas, datas e horas
As persoas interesadas en realizar as rutas poden adquirir os seus billetes en reservas.rutasembalses.es
Na nova tempada manteranse os dous percorridos: a Ruta Fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e ten unha duración de 2 horas; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que parte de Belesar Pobo, no Saviñao, e que transita polo río Miño, cunha duración aproximada de 2 horas.
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 53 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros no catamarán Pelegrín.
Na Ruta Canón do Sil en marzo haberá rutas as fins de semana do 22 e 23; e do 29 e 30, en horario de mañá de 11:30 horas e 16:00 horas.
En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do luns 14 ao domingo 16, operando nas dúas rutas do Mencía, en horario de 11:30 horas e 17:00 horas; e o Canón 11:00 horas a 16:30 horas. O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canón do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana.
En maio, a ruta estará dispoñible de mércores a domingo, con saídas ás 11:30 e 16:30 de luns a venres as fins de semana; e a ponte do 1 de maio pola festividade do Traballo, as saídas serán ás 11:30 e 17:00 para Mencía, e ás 11:00 e 16:30 para o Canón do Sil.
Durante o mes de xuño, xullo, agosto e setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana.
No caso da Ruta Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes as fins de semana con tres frecuencias horarias. Para xullo, agosto e ata setembro o servizo funcionará durante toda a semana. No mes de outubro, as saídas estarán dispoñibles as fins de semana e os días 8, 9 e 10, cun horario de 11:30 e 16:30 horas.
En novembro, as saídas serán as fins de semana, cun horario de 11:30 e 16:00 horas. Finalmente, no mes de decembro, as saídas realizaranse do 1 ao 8, cun horario de 11:30 e 16:00 horas.