O pasado 20 de marzo publicábase no BOP a convocatoria de subvencións de concorrencia competitiva do programa “Da Escola á Granxa” que impulsa a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación. Esta iniciativa financia actividades educativas en granxas, producións agrarias e proxectos de emprendemento no rural.
A convocatoria, que conta cun orzamento de 200.000 euros, está aberta a asociacións de nais e pais de centros de educación infantil e primaria, que recibirán achegas de ata 1000 euros para financiar o custo da actividade e o desprazamento ata as granxas e producións agroalimentarias que elixan entre as 45 participantes en toda a provincia de Lugo.
O programa ampliou e diversificou un ano máis a súa proposta educativa coa incorporación de 13 granxas novas respecto á última edición, a maioría delas proxectos familiares que teñen en común a aposta pola diversificación produtiva e pola produción ecolóxica.
O deputado de Rural, Daniel García, agradeceu “as granxas participantes a súa implicación en deseñar as actividades para os nenos e as nenas que as visitan, mostrándolles a importancia do sector primario na produción de alimentos e na conservación do territorio” e animou “á comunidade educativa a participar no programa, que demostra a potencialidade da actividade agrogandeira en toda a provincia, con producións diversas, desde a produción de mel, froita e produtos da horta, ata a cría de gando vacún, ovino, cabrún, avícola ou cabalar ou a elaboración de queixos, lácteos, marmeladas, embutidos, galletas ou conservas”.
Pódese acceder ás bases da convocatoria e aos formularios para facer a solicitude a través dos modelos que figuran na web da Deputación de Lugo.
GRANXAS PARTICIPANTES NO SUR DE LUGO
Incorporadas ao programa este ano, abrirán as súas portas ao alumnado dos centros de ensino da provincia as granxas de vacún autóctono en extensivo Cachenas Cas Fidalgo de Taboada e Cachenas de San Breixo de Triacastela e, Casa da Escola SC de Sober de gando ovino extensivo en pastoreo, e finalmente a granxa en ecolóxico e con diversificación produtiva Casa Benito do Incio.
Outros proxectos a disposición para recibir visitas son: A Casa da Fonte, dedicada aos produtos lácteos con pastoreo en extensivo, de Ferreira de Pantón; Airas Moniz, especializada en queixaría e lácteos artesáns, de Chantada; Caurelor, que traballa a castaña, o mel e marmeladas, de Quiroga; Daveiga, coñecida polas súas Galletas Mariñeiras, dende Chantada; Gandeíra Quintián (queixaría e vacún de leite) do Páramo; Granxa Aeiroá (granxa avícola e ovella galega) de Láncara; e Gandería Puluán (queixería e produción de vacún de leite) de Monforte.
Tamén temos no sur da provincia estes outros anfitrións para as saídas divulgativas que promove a Área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo: Muvicla (museo de maquinaría agrícola, gando vacún e mazás en ecolóxico) e SAT O Palomar (vacún leiteiro) en Láncara, e a Cooperativa de porco celta Tres Fuciños, de Carballedo.