HomesociedadeDelia González, unha filla da emigración galega a Arxentina con raíces en...

Delia González, unha filla da emigración galega a Arxentina con raíces en Pantón

"Miña nai era da parroquia de San Fiz de Cangas e meu pai de San Martiño de Pantón. Ambos coñecéronse en Arxentina impulsados pola falta de oportunidades laborais e dificultades para prosperar en Galicia de comezos do século XX, deixando atrás a súas nais e irmáns..."

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Encarnación verbalizaba as palabras mentres súa nora, Flora, escribíaas na mesma cociña, ao carón do braseiro. Unha carta que collía camiño, por terra e mar, cara a Arxentina, a quinta provincia galega. O seu destinatario, un dos fillos que emigrara hai anos e formara alí no país americano a súa propia familia, José González López. Alí, en Buenos Aires, coñeceu a Dolores López Lebrón, procedente tamén de Pantón, coa que tivo unha filla, Delia González López, a nosa entrevistada de hoxe.

Boas Delia, en primeiro lugar, darche as grazas por atendernos e brindarnos a oportunidade de concedernos esta pequena entrevista. Para dar comezo, cóntanos un pouco sobre a túa vida, o teu nexo de unión co concello de Pantón.

Miña nai era da parroquia de San Fiz de Cangas e meu pai de San Martiño de Pantón. Ambos coñecéronse en Arxentina impulsados pola falta de oportunidades laborais e dificultades para prosperar en Galicia de comezos do século XX, deixando atrás a súas nais e irmáns. A miña nai emigrou antes do estalido da Guerra Civil española. Nun principio, tiña previsto viaxar coa súa proxenitora, pero a avanzada idade desta fixo que quedase. Meu pai, tras recuperarse dun ataque en Marrocos, viaxou a Buenos Aires coa idea de “volver á terriña”.

Delia González co seu pai. Foto familiar de Delia.

Como foi o inicio de teu pai e túa nai na Arxentina?

Meu pai, no seu inicio, traballou nunha panadería no barrio de Saavedra, propiedade duns curmáns que xa emigraran. Despois, foi axudante de cociña no convento de Santo Domingo-Basílica Nuestra Señora del Rosario de la Defensa y Reconquista de Buenos Aires, lugar onde repousan os restos de Manuel Belgrano, un prócer fundamental da independencia arxentina, avogado, economista, xornalista e militar, creador da bandeira nacional e figura clave na Revolución de Maio e nas guerras de independencia. Máis tarde, traballou como xardineiro, axudante de cociña e noutras tarefas para unha familia adiñeirada. Finalmente, xa casado coa miña nai, foi encargado dun edificio de vivendas e, posteriormente, doutro de oficinas.

Pola súa banda, miña nai traballou nunha casa preto da súa irmá ata que coñeceu a meu pai. Dedicábase á costura, unha actividade que lle apaixoaba.

Cando meu pai desembarcou na Arxentina, un suposto amigo pediulle uns cartos para conseguir un automóbil e desapareceu, deixándoo, creo, nun hotel de emigrantes galegos. Miña nai, pola súa banda, agardaba á súa irmá no porto, que estaba casada con outro galego e tiña tres fillos. Chocoulle moito que a vida que a súa irmá lle describira nas cartas non se correspondía coa realidade.

Onde se coñeceron os teus pais?

Os meus pais coñecéronse nunha asociación onde se reunían galegas e galegos. Presentounos un paisano de Pantón chamado Félix Núñez.

Coñeciches máis galegas e galegos na Arxentina?

Ademais da familia, había moitas galegas e galegos que se reunían en diversas asociacións. Un exemplo é o Centro Galicia de Buenos Aires, situado en Olivos, do que aínda somos socios hoxe en día. Na súa orixe, foi o Centro Lucense de Buenos Aires, unha sede moi importante na capital. Ao seu lado atópase o colexio Santiago Apóstol. Existían outras sociedades, como o Centro Carballiño e o Centro Ourense, entre outros. Está, tamén, o Centro Galego como Hospital onde meu pai era socio.

Que faciades nestes centros?

Nestes centros, os domingos ofrecíanse diversas actividades, como funcións teatrais, exposicións de pintura, lecturas de textos en galego, proxeccións de eventos típicos de Galiza, visitas de personalidades galegas, bailes e coros galegos, entre outras moitas propostas. A día de hoxe, a actividade continúa.

Estandarte do Centro Galego de Bos Aires.

Como era o contacto coa familia galega?

O contacto era bastante fluído por carta, cun período de tempo de 10 días. Mandando, tamén, produtos galegos como chourizos. Coa chegada das cartas impregnábase a casa de alegría, repetindo unha e outra vez a lectura das mesmas.

Cantas veces viñeches a Galicia e como foi a experiencia?

No mes de agosto do ano 1996, collín un billete e, animada por dúas curmás, viaxei a Galicia. Foi coma un soño feito realidade: coñecín por fin ao meu tío Antonio, o único irmán vivo de meu pai, e sentín coma se volvese estar con el, pois xa falecera había anos. Tamén tiven a oportunidade de coñecer a varios curmáns. Percorrín cada recanto dos lugares onde botaran raíces os meus antepasados. Vivín e revivín as historias que me contaran meus pais.

“Gustaríame moito poder volver, xunto coas miñas fillas e netas, que coñezan as orixes dos seus avós e impregnarme de novo desa Galicia hospitalaria”

Como é a vida actualmente e a situación de Arxentina?

Vivimos na deriva coa chegada do presidente Javier Milei. Incremento da pobreza, falta de traballo, sobreexplotación do medio natural. Non obstante, quero centrarme na fermosura do país ao longo de toda súa extensión e animo a visitalo.

Moitas grazas Delia pola entrevista, esperamos que pronto poidas visitar, xunto coa túa familia, a terra orixe de teus pais.

ÚLTIMAS

O BNG inicia unha campaña de reivindicación do arranxo integral da N-540

O BNG inicia unha campaña de denuncia e reivindicación permanente do arranxo integral da...

A XXI Feira Medieval de Monforte presenta cartel e vídeo promocional

Monforte presenta a campaña promocional da vinteunha edición da Feira Medieval de Monforte, que...

Quiroga acolle o 5 e 6 de abril unhas xornadas formativas para para pilotos de parapente

Os vindeiros 5 e 6 de abril, a localidade de Quiroga converterase no epicentro...

Este 3 de abril comezan no centro cívico de Monforte os talleres “Constrúe a túa saída laboral no sector dos coidados”

Co obxectivo de mellorar a inserción laboral no sector sociosanitario, a Fundación Acción contra...