HomesociedadeMonforte presenta a programación da Feira Medieval na inauguración do Mercado previo...

Monforte presenta a programación da Feira Medieval na inauguración do Mercado previo a esta cita

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou este sábado pola mañá o “Mercado para a Medieval” na Praza de Abastos de Monforte. Previamente presentábase o Programa oficial de actividades da Feira Medieval 2025, cita á que o concello destina 108.000€

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A 21ª edición da Feira Medieval celebrarase os días 19 e 20 de abril cun incremento considerable dos grupos de animación musical e no número de fachos e faroliños que se repartirán nesta edición, pasando de 200 fachos do 2024 a 325 este ano e de 500 faroliños de papel a 650 nesta edición, que serán repartidos no Campo da Virxe. O incremento está xustificado, tal e como explicou Tomé “porque é unha das actividades que máis lles gustan ás persoas que suben a San Vicente o sábado pola noite”

Aumenta tamén o número de participantes no Mercado Medieval, con 140 postos, 45 postos de gastronomía, 32 de comercio e 63 de artesanía que foron seleccionados entre 191 solicitudes que entraron en prazo, e que tal e como explicou Tomé “estamos obrigados a aumentar o recinto para albergar todos os postos novos, que se colocarán na Praza de San Antonio”.

En canto ós espectáculos, como novidade este ano, haberá un gran espectáculo de animación de rúa que se denomina O GRAN DRAGÓN, acompañado por un grupo de músicos e bailaríns que realizarán acrobacias e xogos de lume e que sairá dende a praza de España polas rúas da Feira, o sábado e o domingo ás 8 da tarde.

Tamén serán novidosos os dous espectáculos que terán lugar na tarde-noite dos dous días de Feira:

  • O sábado ás 21:30 h a praza Luis de Góngora acollerá o espectáculo LÚA, cunha interpretación musical de Tamara Pérez que descenderá en grúa desde as alturas creando unha atmósfera de maxia coa súa voz e a danza que interpreta, previa á tirada de fogos de artificio.
  • O domingo as 21:00 h, na praza de San Antonio, terá lugar o espectáculo SUAREN BATAILA, onde se entrelazan audaces malabares con tela, xunto con teatralización e espectáculos de pirotecnia e lume.

Tamén hai que destacar o sábado 19, o desfile dende a Praza de España polas rúas da feira, do espectáculo ERRANTES con seres saídos da escuridade dos tempos e ás 20:45h haberá un concerto a cargo do grupo de música medieval GRIMORIUM, na praza de España.

Na programación destacan citas habituais como o Campamento Medieval da Praza de España, o Campamento infantil Medieval xunto ó Convento das Nais Clarisas, o Espectáculo de aves de rapiña e cetrería, as Xustas medievais, o Gran Torneo Medieval, os espectáculos de lume, as actividades de rúa ou os espectáculos nocturnos ideados para a Praza Luis de Góngora e para o Campo de San Antonio.

A resolución dos diferentes concursos convocados polo Concello para esta Feira: Traxes medievais, Decoración de balcóns, e de establecementos comerciais e hostaleiros, ó igual que o ano pasado, celebrarase o domingo ás 7 da tarde na praza de España, por operatividade da Feira.

DECLARACIÓN DE ‘FESTA DE INTERESE TURÍSTICO GALEGO

Este 2025 a Feira Medieval monfortina alcanza a súa 21ª edición e aínda que dende o concello teñen tramitada a solicitude de ‘Feira de Interese Turístico Galego’, a día de hoxe non se recibiu contestación dende a Xunta.

Entendendo que cumpren as condicións para o outorgamento desta distinción oficial, o rexedor municipal, José Tomé dixo na presentación da programación oficial do evento que “se non é este ano que sexa o seguinte Festa de Interese Turístico Galego”.

MERCADO PARA A MEDIEVAL 2025

O Mercado para a Medieval é un preludio da Feira Medieval. Durante esta fin de semana a Praza de Abastos conta con 11 stands nos que haberá traxes medievais confeccionados a man para adultos e nenos, complementos para os traxes, artesanía, bixutería, decoración de mesas de terraza para hostalería así como decoración de mesas medievais de comedor, en definitiva, todo o necesario para os preparativos da Feira Medieval.

Como en pasadas edicións, celebrarase o concurso de repostería e pastelaría “A polo mellor doce onde os visitantes poderán avaliar o mellor doce dos expostos durante o Mercado, votación da que resultará elixido un gañador de cada unha das tres categorías que concursan, tradicional, innovador e creativo. A entrega de premios terá lugar o 6 de abril ás 13:00 h no propio mercado e a continuación, realizarase un sorteo entre todos os votantes dos doces expostos.

Este sábado día 5, celebrarase o Desfile de Traxes Medievais e complementos, que terá lugar ás 18:30h. con entrada libre e que este ano por primeira vez, sae á rúa facendo un circuito dende a entrada do mercado ata a entrada do espazo gastronómico, dada a gran afluencia de público que se tivo en edicións anteriores. Desfilarán 92 traxes de época, presentados por 23 modelos, adultos e nenos, e terá unha duración aproximada dunha hora para que todos poidamos escoller comodamente os nosos traxes para lucir na FeIra Medieval.

O horario do Mercado para a Medieval 2025 é o seguinte:

  • Sábado día 5 de abril, de 11:00h. a 14:00h. e de 17:00h a 21:00h.
  • Domingo día 6 de abril, de 11:00h. a 14:00h. e de 17:00h a 20:00h

Presentación Feira Medieval 2025 / Concello de Monforte

ÚLTIMAS

Aprobado o proxecto do trazado da última fase da autovía que une Lugo e Sarria

O Consello deu luz verde ao proxecto e ao estudo de impacto ambiental no...

CIG Saúde alerta da situación do servizo de pediatría no Hospital de Monforte

Aseguran desde CIG Saúde que levan meses denunciando a falta de man esquerda da...

A sostibilidade do turismo en Galicia: os riscos da turismofobia

O encontro ten por obxecto abrir un diálogo técnico, baseado en datos e achegas...

Olga Novo, protagonista na celebración do ‘Día das escritoras’

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu o pasado 9 de outubro...