Mario Roldán falecía aos 55 anos despois de varios anos de loita contra un cancro que se quixo facer tan grande coma el, pero que nunca conseguiu borrarlle o sorriso, nin quitarlle a retranca do mimo titiriteiro.
Todo Monforte lamenta desde onte a súa perda e cando digo todo Monforte, digo ben, porque a Mario coñecíao todo o mundo. Era persoa de estar na rúa, nos bares, nos actos,… coa xente. De feito, o cansancio do último ano da enfermidade, facía que andivera menos pola rúa, pero no verán fixérase cunha silla motorizada e estaba encantado indo daquí para alí. Dicía que metía a silla na furgoneta e baixaba en calquera sitio e así podía estar ao aire e saír da casa.
Mario Roldán, a persoa detrás do artista, quizáis non sexa un título moi atinado porque Mario era todo nun; o artista e a persoa eran o mesmo, porque cando un ten necesidade de expresarse faino con todo, e eso facía el. Tiña talento dabondo para vivir varias vidas e ter sempre algo novo que ofrecer.
Mario sempre dixo de si mesmo que era titirireiro e así comezou en 1982, en Santiago, co grupo de marionetas Trécola. Traballou no cine, no teatro e na televisión. Compañías como Teatro do Liló, Urgü y Bluff e Tarabuleque Teatro contaron con el. Participaría en series de televisión como Galicia Exprés ou Mareas Vivas. En cine contaron con el, Xavier Villaverde para Finisterre, e José Luis Cuerda que sempre tiña un papel para o seu pefil e sempre o requería, como aconteceu en Los girasoles ciegos e en Todo es silencio.
Xa máis vinculado a Monforte, Mario simultaneaba a súa faceta de titiriteiro, levando os seus espectáculos á rúa, coa de actor-produtor. Sempre vinculado ao mundo do espectáculo e da cultura, colaboraba con todo o que requerira da súa faceta de actor. No 1999 participou na curta Última Estación do realizador monfortino Paulino Cadórniga. Anos despois protagonizou a curta Fame do fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel e o videoclip, Un gran hijo de puta, premiado no Festival de Cans. Un traballo tamén de Manuel Valcárcel para o grupo Los Árboles. No 2014 foi o asesor de interpretación para a locución do documental, Cando foi a última vez que che contaron un conto?, de Némesis Audiovisual para o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra.
No 2015 Mario Roldán estreou a curta Entrecans, un traballo 100% Mario, rodado en Monforte con amigos, e onde Mario foi o actor principal, o guionista e o realizador. En outubro do 2016, cando xa se coñecía a súa enfermidade, o Cine Clube A Calexa homenaxeouno durante a celebración da Mostra de Cine, pola traxectoria e aportación ao cine na cidade do Cabe.
Tendo en conta a cantidade de profesionais vinculados co audiovisual en Monforte, Mario tiña unha teima: crear un centro de interpretación e formación audiovisual, un espazo multidisciplinar para formar aos mozos nas distintas fases da realización audiovisual; actores, músicos, cámaras, sonidistas,… Como paso previo a ese obxectivo impartiu un curso de teatro que no Casino Ateneo para unha ducia de persoas.
No 2016, 3 curtas rondaban a súa cabeza, tíñao case todo para comezar a traballar, o equipo, os actores, parte das localizacións,… faltáballe perfilar os guións que de seguro, rematou neste tempo. O caso é que o Tigre tivo ata o último momento, un plan, un proxecto, algo que facer, unha ilusión. A semente quedou plantada polo mellor xardineiro.
Panexírico
No funeral deste xoves Mario Roldán estivo acompañado por toda a xente que o quería. Rafael Saco adicáballe unhas palabras e dous emotivos poemas:
“Quero lembrarte vivo, coa forza que nos dabas a cambio de nada.
Quero lembrarte soñando camiños, ceibando gargalladas a cachón,
erguendo a moral da vasca, echendo o baleiro dun silencio.
Por moito que insistas non marcharás deiquí,
da túa casa, sempre aberta para nós,
a todas horas, sempre.
Ao Mario
Ao noso Tigre.”
No Mario, a súa natureza xenerosa e boa atopa un impulso libertario que constitúe a súa forma de estar no mundo.
Estivo activamente presente en movementos clave dos anos 80. A súa condición antimilitarista levouno a asumir un compromiso persoal co movemento da insubmisión e a finais dos 80 desenvolveu actividades relacionadas coa defensa da Confederación Nacional do Traballo, CNT.
A presenza do Tigre transmitiunos sempre a cercanía do ideal e a enerxía ilusionada e optimista que nos impulsa.
“Como unha mañá fomos medrando xuntos,
tí atravesado por unha ilusión sincera
na decisión pola vida que merece ser vivida,
….
E agora meu querido amigo,
O teu calor e o teu sorriso
O afecto e a risa coa palabra e a lucidez que derruba a falsidade
da trama da vida que tí ben coñecías,
alén de toda representación antes de toda verdade.
Unha derradeira aperta
Unha derradeira mirada,
noso amigo,
noso irmán
para sempre.”