HomeMedio ambiente e PatrimonioQuiroga solicita que a Romaría da Ermida sexa Festa de Interese Turístico...

Quiroga solicita que a Romaría da Ermida sexa Festa de Interese Turístico de Galicia

      A Corporación Municipal aprobou por unanimidade en sesión plenaria solicitar a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Romaría da Ermida.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O departamento de turismo do Concello de Quiroga presentou esta iniciativa parroquial -dirixida polo párroco, Jesús Río, e apoiada por diferentes asociacións-, co fin de que a Xunta de Galicia recoñeza oficialmente o seu valor como patrimonio inmaterial galego. E que serva, como matizou o tenente de alcalde, Vicente Parra, “non só a nivel afectivo e emocional se non tamén a nivel dunha tradición que a xuventude ten que coller máis forte”.

A solicitude inclúe unha ampla documentación que xustifica o cumprimento dos requisitos esixidos: antigüidade, singularidade, arraigo, valor cultural, accións promocionais,…Na memoria, realizada polo licenciado en historia, Manoel Carrete, destácase o amplo valor cultural desta festa, así como a súa celebración ininterrompida, que só se viu truncada polas restricións da pandemia nos anos 2020 e 2021. Ademais está documentada a súa existencia desde o ano 1622, como unha celebración que xa traspasaba os límites parroquiais e que na última celebración estímase que participaron 5.000 persoas.

A ampla memoria recolle todo o que engloba este acto, que vai dende a novena, a procesión e os ofrecidos tanto os que acoden descalzos coma os amortaxados (cuberta a cabeza cun pano branco como ofrenda debido á curación dalgunha doenza grave), á propia Virxe dos Remedios, o Meco, as Pampórnigas, a peza musical propia desta procesión, e os exvotos, que son as ofrendas que deixan os fieis que recibiron un don ou unha curación e nos que se inclúen os cadros votivos que se sacan o día da festa, unha  Capela portátil e unhas esposas que se conservan na igrexa.

Os días da celebración da Virxe dos Remedios sae a procesión cunha disposición particular. En primeiro termo, vai o “Meco” cunha máscara que segundo os expertos data  do século XVII ou XVIII, anunciando a súa presencia por medio dunhas castañolas e cunha vasoira de toxos vai afastando ás persoas, para que poida pasar o cortexo procesional. Logo van “As Pampónigas”, dous xigantes que simbolizan a un home e a unha muller, as súas primeiras noticias no arquivo parroquial son de finais do século XIX. A continuación, un grupo de gaiteiros vai tocando unha peza tradicional da comunidade, recuperada polo gaiteiro contemporáneo  Colomán González. Séguenlle os elementos propiamente relixiosos, o estandarte parroquial, a imaxe da Virxe, unha escultura, de autor e escola descoñecidos, de principios do século XV. Noutrora, había uns danzantes, que bailaban ao redor da advocación mariana o que eles nomeaban como “A danza”.

Romaría da Ermida / Concello de Quiroga

Tamén se engaden actividades promocionais a ter en conta para a súa declaración como  Festa de Interese Turístico de Galicia: a súa participación no Congreso sobre Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos no 2009; a  Elaboración dunha guía sobre o santuario da Ermida no 2015; a exposición fotográfica “Unha romaxe singular” celebrada no 2014; o mural que loce en Quiroga pintado no  2022; o viño da bodega Casa de Outeiro que leva o nome de Meco; o irmandamento entre os santuarios da Ermida e Castro Caldelas coas súas imaxes e figuras peculiares; a Exposición “Coroas de Santidade” que no 2024 se puido ver na Igrexa do Salvador de Hospital; a coroación canónica da Virxe dos Remedios no pasado mes de setembro;a presentación dun selo alusivo á romaría no 2024; a Incoación do expediente de Ben de Interese Cultural da Romaría da Nosa Señora dos Remedios da Ermida  e a concesión do xubileu romano neste templo parroquial ao longo deste 2025.

ÚLTIMAS

II Festa Interxeracional Concello de Chantada, o 29 de xuño

O Concello de Chantada, a través da concellaría de Servizos Sociais, prepara a II...

O GDR Ribeira Sacra-Courel anuncia unha nova convocatoria para presentar proxectos

O Diario Oficial de Galicia (DOGA) vén de publicar a convocatoria das axudas Leader...

Conta atrás para a 2ª edición das xornadas enogastroturísticas “Marida Maio”

A delegación sur da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo...

O 24 de maio Pantón homenaxea a Milagritos, unha vida dedicada á biblioteca

A Biblioteca Pública Municipal de Pantón inaugúrase no ano 1950. Ao fronte deste servizo...