Como nas xornadas anteriores, desde a CIG informan que a folga estivo marcada polos servizos mínimos abusivos decretados pola Xunta, “Neste cuarto día de folga sucedéronse as accións de protesta por todo o país con concentracións, manifestacións, actividades reivindicativas e incluso un enterro do convenio”, explican.
Ata 13 mobilizacións convocadas pola CIG noutras tantas localidades, ás que hai que engadir as protestas do persoal nomeado en servizos mínimos diante dos centros, para trasladar o apoio á folga e reivindicar tamén unha atención de calidade para as persoas usuarias.
A través destas protestas, as traballadoras queren denunciar “as propostas de miseria trasladadas pola patronal, que ten bloqueada a mesa de negociación dende o pasado mes de outubro”. A CIG-Servizos lembra que este é un sector altamente feminizado e moi precarizado, no que a maioría das traballadoras cobran por debaixo do SMI e que rexistra unha elevada incidencia de enfermidades músculo-esqueléticas -que non están recoñecidas como profesionais- debido aos grandes esforzos físicos que se realizan. “As IT non están recoñecidas dende o primeiro día nin ao 100%, polo que hai moitas compañeiras que van traballar aínda estando enfermas”, advirten as delegadas da CIG.
A redución da xornada máxima anual é outra das principais demandas do sector para este convenio. “Pedímoslle á patronal que sente negociar con nós e chegar a acordos para un convenio novo que non sexa de mínimos, senón un convenio decente que é polo que estamos loitando”, aseveran.
Poñen o acento na sobrecarga laboral constante que ten que asumir o persoal pola falta de
traballadoras e traballadores e o deterioro asistencial que esta precariedade supón para as usuarias e usuarios. “Na maioría das residencias unha traballadora soa atende a 10 ou 15 persoas dependentes e temos dúas horas para facerlle todo o que precisa (erguer da cama, aseo, cambio de cueiro etc.). Como lle podemos dar unha atención decente a estas persoas?”.
“Chegou o punto de alzar a voz e dicir basta, necesitamos unhas condicións de traballo dignas e uns salarios xustos. Este é un sector esencial pero está tan precarizado que falta persoal precisamente polas malas condicións laborais. Non hai vocación que soporte esta precariedade”, conclúen.
Esta cuarta xornada de folga pon remate ao actual calendario aprobado polas traballadoras. Pero ante a falta de movementos por parte da patronal nas vindeiras semanas celebraranse novas asembleas de persoal para acordar as seguintes mobilizacións en demanda dun convenio digno para as residencias privadas de maiores e centros de día.