HomeEn profundidadeTodo listo para o VII Festival do Viño da Ribeira Sacra de...

Todo listo para o VII Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte

Este venres 4 de xullo será a inauguración ás 20:30 horas no Paseo do Malecón contando o acto coa presenza do Alcalde, José Tomé; o pregoeiro, José Luis Iravedra; e diferentes autoridades políticas de Monforte e contorna. Haberá 30 adegas e os Tokens, fichas personalizadas como forma de pago, sustitúen nesta edición aos habituais selos de papel para ter dereito ás consumicións.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

A conta atrás para a sétima edición do ‘Festival do Viño da Ribeira Sacra de Monforte’ está xa nas súas últimas horas e as previsións de visitantes, segundo fontes do concello, é superar as 15.000 persoas dende o día 4 ao 6 de xullo.

Este venres 4 de xullo será a inauguración oficial que comezará coa benvida musical do Grupo tradicional chantadino Searas ás 20:30 h. A continuación, sobre as 20:45 h., terán lugar as intervencións institucionais do Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, e do Pregoeiro, que este ano será José Luis Iravedra, Presidente da Asociación Cultural e Gastronómica “O Tizón”

Ese mesmo día ás 11 da noite actuará Lucía Pérez, cantante galega do Incio que se sente Monfortina e coñecida pola súa versatilidade e proxección internacional. O seu estilo fusiona pop con música latina e folk galego.

O sábado 5 de xullo ás 23:00 h. será a quenda doutro grupo musical galego, A Banda da Loba. Está composto por 5 mulleres cun estilo ecléctico que fusiona pop, rock, blues e música tradicional creando unha proposta única no panorama musical actual.

O recinto feiral contará cunha ubicación privilexiada –ao longo do Paseo do Malecón, a carón do río Cabe e con arboreda a ambos lados– e coa participación de 30 adegas. Ademais, haberá 12 postos gastronómicos que ofrecerán produtos da zona, dende queixos, postos de xamón, xeados artesáns, panaderías, ata racións máis elaboradas feitas por restaurantes de Monforte de Lemos.

No mesmo Paseo do Malecón, e en espazos diferenciados dentro do recinto feiral, durante a fin de semana faranse actividades e obradoiros infantís, obradoiros de cata e unha Masterclass para adultos relacionados coa Cata de Viños da Ribeira Sacra.

ACTIVIDADES INFANTÍS

O sábado 5, de 12:30 a 13:30 h, terá lugar o Contacontos a cargo de Anxo Moure. E de 19:30 a 20:30 h. Pintacaras a cargo de Velaísca Animación.

O domingo 6, de 12:30 a 14:00 h. un Obradoiro de olería tradicional da Ribeira Sacra a cargo de Figulus. E de 19:30 a 20:30 h. Teatro de papel impartido por Tarabelos.

MASTERCLASS E OBRADOIROS DE CATA

Masterclass a cargo de Jorge Vila, director de Galicia Wine Academy. Terá lugar o sábado 5 de 13:30 a 15:00 h. baixo o título “Na procura das viñas centenarias da Ribeira Sacra”. Jorge Vila a través da súa labor na academia, promove a formación e a difusión da cultura do viño en Galicia, consolidándose como unha figura destacada no sector.

O sábado 5 de xullo, de 11:30 a 13:00 h., terá lugar o obradoiro “Descobre: Castes senlleiras da Ribeira Sacra” a cargo de Carlota Iglesias, membro da Asociación Galega de Sumilleres.

O domingo 6 de xullo, no mesmo horario, celebrarase o obradoiro sensorial “O sabor do viño coa Música” a cargo do sumiller Suso Soneira acompañado do grupo musical Amalia & Manuel. Esta cata trata de relacionar o mundo do viño coa música, o que se coñece como maridaxe sonora. Esta é unha das últimas tendencias en alza no desfrute do viño onde se complementa o feito de beber unha copa de viño relacionándoo cunha boa peza de música.

Estes obradoiros e masterclass son gratuítos pero con aforo limitado a 35 persoas, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 611 96 32 05 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

Espazo de catas completo no recinto do Festival do Viño da R.S. / XdL
VIÑORUTAS POLO SIL E O MIÑO

As dúas que se ofertan este ano, permitirán desprazarse ata o lugar de orixe dos viños de Ribeira Sacra, onde poderán contemplar os viñedos e os ríos que bañan as ladeiras así como diferentes adegas. Unha experiencia única para sentir a vertixe da nosa “viticultura heroica”.

Todas as Viñorutas partirán do Parque dos Condes, onde nun microbus un guía profesional levará os anotados ata os enclaves protagonistas destas rutas, sendo necesario facer reserva previa no teléfono 611 96 32 05 ou no e-mail festivalmonforte@gmail.com.

A Viñoruta do Sil,  “A Ribeira do Sil e os seus viños”, terá lugar o sábado 5 de xullo, con saída ás 15:30 h. Visitaranse varias adegas nas que se poderá participar e desfrutar de catas, concretamente a Adega Algueira na parroquia de Francos e a Adega Cruceiro na parroquia de Vilachá, para partir cara ao embarcadoiro de Ponte do Sil e facer un percorrido polo Cañón do Sil e coñecer a súa espectacular viticultura de montaña. Tralo percorrido en barco, regresarase a Monforte para desfrutar do Festival do Viño no paseo do Malecón. Esta ViñoRuta ten un prezo de 35€ / persoa.

O domingo 6 de xullo, a Viñoruta do Miño, “A Ribeira do Miño e os seus viños”, permitirá coñecer a ribeira do Miño en Zodiac. Saíndo ás 9:30 h. de Monforte, comezará cun percorrido en zodiac para coñecer os viñedos en bancais desta viticultura de montaña. Farase unha parada na Fervenza de Augacaída de 30 metros de altura e a continuación regresarase á Praia da Cova onde finalizará o percorrido.

Seguidamente está prevista unha visita á adega Abadía da Cova situada en fronte do famoso meandro do río Miño “O Cabo do Mundo” onde se realizarán catas dos viños da Ribeira do Miño. Dende alí partirase cara ao concello veciño de Pantón para realizar unha divertida actividade coa empresa O Segredo do Monxe onde se catarán 6 viños, varios deles a cegas. Prezo: 40€ / persoa.

NOVIDADES

A quizais máis destacada será a presentación dos Tokens, fichas personalizadas como forma de pago, que sustitúen aos habituais selos de papel que se atopaban á venda nos stands de recepción para ter dereito ás consumicións. Dende a organización afirman que estes Tokens resultan máis difíciles de perder ou deteriorar, resultando mais cómodos para os visitantes do Festival.

Outro detalle será que se engadirá retroiluminación ao pórtico de entrada ao Festival que se incorporou o ano pasado por primeira vez, e que foi utilizado por moitos visitantes como photocall.

Respecto á valoración deste evento, un dos máis importantes do ano xa para Monforte, o Alcalde José Tomé pensa que “vai ser un reclamo importante para atraer xente a Monforte e ó conxunto da Ribeira Sacra, co fin de contribuír a dinamizar a economía da comarca, particularmente o mundo do viño, a hostalería e o comercio”. E engade que “queremos que o Festival siga medrando, que cada vez sexa máis atractivo e nos visite máis xente, e que contribúa de xeito importante á promoción dos nosos viños, da nosa paisaxe, da nosa gastronomía, dos nosos museos, dos nosos monumentos e da nosa cultura”.

ÚLTIMAS

En marcha o Ciclo de Concertos de grupos monfortinos

Este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, e...

Outeiro, o Mazo e Soldón, en perigo, no lume descontrolado que ameaza o Courel

A Serra do Courel, unha das xoias ecolóxicas de Galicia, volve a estar en...

20.000 hectáreas levan ardidas co incendio que comezou en Larouco o día 13

Cos datos provisionais que ofrece este 19 de agosto a Consellería de Medio Rural,...