O alcalde tamén mostrou a súa satisfacción polo resto de programación que se desenvolveu durante estes seis días de festas e que tamén define como un éxito, “cun público volcado cos espectáculos que se desenvolveron tanto na Praza de España, como no Cardenal e nas diferentes rúas da cidade, o que confirma que as Festas Patronais de Monforte son moito máis que os concertos estelares gratuítos organizados polo Equipo de Goberno”.
José Tomé que fixo un repaso de cada unha das xornadas festivas salientando o máis destacable de cada día destas Festas que tiñan como pregoeira á historiadora, Manuela Sáez, “Estou plenamente satisfeito coa elección da pregoeira deste ano, considerada por todos con gran respecto e admiración e que fixo un pregón cualificado por moitos como un dos mellores que se fixeron nos últimos anos”.
O alcalde apuntaba tamén o éxito das sesións de fogos artificiais que considera os máis espectaculares ata o momento, “tanto a do día 15 dende San Vicente como o día 16, no paseo do Malecón, quizais os máis espectaculares vividos ata o momento, cunha execución perfecta e gran aceptación do público que asistiu masivamente para ver unha proposta difícil de superar”.
Pola súa banda desde a oposición, Esperta Monforte e BNG lamentan que non se suspenderan as dúas sesións de fogos artificiais por “responsabilidade e sensibilidade coa vaga de incendios”. Esperta Monforte fala da necesidade de asegurar o benestar da veciñanza de “coherencia institucional nunha situación que debería estar por riba da tradición festiva”. Pola súa banda o BNG considera “incomprensible que, mentres milleiros de hectáreas arden e se desprega un operativo extraordinario contra os incendios, o propio Concello decida manter dous espectáculos pirotécnicos seguidos.”
E Tomé concluía o seu balance das Patronais destacando que se desenvolveran con normalidade, “Non houbo que lamentar ningún tipo de incidencia nos seis días de Festas Patronais, a pesar da gran cantidade de persoas que viñeron ás Festas Patronais e dende tantos puntos de Galicia e de España. O investimento feito mereceu a pena xa que o retorno económico para os negocios de Monforte é importantísimo pola gran cantidade de xente que nos visitou”.