“Afortunadamente non foi precisa a intervención dos servizos da Caravana Morada por mor de agresións sexistas durante as Festas Patronais”, refería o Alcalde José Tomé tras recibir o informe da intervención do servizo ofrecido pola ‘Caravana morada’ nas Festas Patronais de Monforte de Lemos.
Tendo en conta o anterior, dende o concello púxose en valor o papel realizado polas profesionais, tanto a nivel informativo e divulgativo, como de prestación de servizos de asesoramento referente a temas relacionados con agresións sexistas. Do devandito informe de intervención dedúcese unha alta participación na distribución de material de sensibilización, alta demanda de información sobre os protocolos a seguir en caso de hipotéticas dificultades e gran interese por ter en conta o punto violeta como lugar seguro de encontro con familiares e amigos despois de sufrir algún tipo de indisposición.
En canto á distribución de material informativo, tal e como explicou o Alcalde, a caravana morada da conta do reparto do seguinte material de sensibilización e difusión: 550 Flyers informativos, 1000 pulseiras de sensibilización neon, 350 pulseiras de sensibilización lazo, 750 chapas campaña sensibilización e 500 materiais gráficos, tarxetas informativas, axenda telefónica con recursos municipais, autonómicos e estatais.

NÚMERO DE VISITANTES E ASISTENCIA OFRECIDA
Así mesmo, no informe remitido ao Concello, os profesionais deste servizo, deron conta do número de visitantes e persoas informadas durante os seis días de permanencia da Caravana Morada en Monforte co resultado seguinte: a caravana foi visitada demandando información por un total de 1.850 persoas, das que 970 foron mulleres adultas, 330 foron homes adultos e un total de 550 persoas foron menores de entre 6 e 17 anos.
Por outro lado, o informe tamén recolle o tipo de asistencia dada, clasificada pola súa natureza. Conclúese que houbo unha considerable demanda de actuacións para practicar curas de primeiros auxilios motivadas fundamentalmente por cortes producidos por cristais así como a utilización da caravana como punto seguro por indisposicións ata a chegada de familiares e amigos dos solicitantes deste servizo.
VALORACIÓN DOS PROPIOS PROFESIONAIS
No informe de intervención, as/os profesinais conclúen que “a caravana morada resultou un recurso clave para a prevención, atención e acompañamento ante situacións de violencia de xénero, acoso, delitos de odio e outras formas de violencia por motivo de orientación sexual, relixión ou raza, así como para a sensibilización da mocidade e a poboación en xeral. Destaca a elevada participación de adolescentes e a importancia do traballo en rede cos servizos sanitarios e forzas de seguridade, especialmente en situacións de crise e vulnerabilidade detectadas durante o evento”.
FINANCIAMENTO
Estas actuacións están financiadas con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e para a erradicación da violencia contra as mulleres no desenvolvemento de competencias reservadas ás Entidades Locais no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para o exercicio 2025.

