O rexedor compareceu ante os medios de comunicación para dar a coñecer este proxecto acompañado polo representante da citada empresa, Manuel Díaz Pavón, que ofreceu os detalles do proxecto que esta mercantil, constituída en Valencia e con domicilio social en Monforte, ten previsto desenvolver en terreos da Área Loxística e Intermodal do Porto Seco. “Falamos dunha gran noticia para Monforte, para a industria monfortina e para a actividade económica e o emprego do noso Concello e da comarca, porque queremos que Monforte siga indo ben, siga en racha e siga medrando. Por fin imos conseguir que o Porto Seco teña vida e empece a ter actividade empresarial e económica”, afirmou o rexedor.
O anuncio da implantación desta empresa no Porto Seco faise logo de que os representantes de HMD Timber mantiveran os primeiros contactos con Xestur e o IGAPE, e de que a Secretaría Xeral de Industria solicitase ao Concello de Monforte un informe de viabilidade urbanística, que foi remitido para facilitar o proxecto. Recentemente, e tamén a instancia da empresa, o Concello trasladou información urbanística sobre catro parcelas desta Área Loxística. “En canto confirmamos desde o Concello o interese de HMD Timber en instalar a súa actividade no Porto Seco de Monforte puxémonos a traballar para axilizar as xestións e facilitar desde o primeiro momento a súa implantación”, explicou Tomé.
Así, a Xunta de Goberno do pasado luns, 15 de setembro, aprobou dar traslado a HMD Timber da información urbanística solicitada, referente a 4 parcelas que se atopan dentro do Proxecto sectorial da Área Loxística e Intermodal do Porto Seco, e concretamente na Mazá C, na que se sitúan as parcelas grandes para edificación illada. En total, unha superficie de 90.957 m2.
concello emprendedor e emprego
Así mesmo, adiantou que a materia prima que utiliza HDM Timber é exclusivamente o piñeiro das dúas especies implantadas en Galicia: pinaster e radiata, “o que lle da valor engadido a unha materia prima moi presente en Monforte e a súa comarca”. José Tomé adiantou que a empresa ten prevista unha inversión de 29,5 millóns de euros para poñer en marcha esta nave, e que “vai xerar 34 postos de traballo directos e máis de 500 empregos indirectos no ámbito da explotación forestal, espallados polo territorio en labores de corta e transporte”.
Do mesmo xeito, avanzou que a actividade no longo prazo está garantida “xa que HDM Timber ten xa asinados acordos con empresas como Maderas Vilapol S.A. e Maderera de Cospeito S.L., para subministrar 200.000 Tm (toneladas métricas) de madeira durante un período de 15 anos. O resto será con produtores locais.

Presentación proxecto HDM / Concello de Monforte
Así mesmo, Tomé explicou que na elección de Monforte por parte desta empresa tivo moito que ver a condición de “Concello Emprendedor”, o que implica bonificacións na tributación local e na adquisición de terreos.
Pola súa banda, Manuel Díaz Pavón puxo en valor a traxectoria da empresa HMD Timber e a importancia de facer unha xestión sostible do monte como medio tamén para evitar os incendios forestais. Destacou o compromiso da empresa con esta iniciativa, á que destina 16 millóns de euros de fondos propios. Díaz Pavón adiantou tamén que o proxecto está moi avanzado, so pendente da declaración de Proxecto Empresarial Estratéxico por parte da Xunta para a súa posta en marcha. A previsión é poder iniciar as obras de construción da planta na vindeira primavera.