Segundo a Asociación, os horarios de paso polas paradas intermedias que figuran na web son incorrectos e nos últimos meses as persoas usuarias do autobús teñen que viaxar de pé, “pero non uns poucos quilómetros ou en situación excepcionais, senón de maneira frecuente e durante traxectos longos, de máis de media hora”.
Lembran desde a Asociación que as liñas de autobuses interurbanos son concesións suxeitas a normas, como cumprir uns horarios, garantir a seguridade da pasaxe e ofrecer praza a todas as persoas que queren viaxar, aínda que haxa que habilitar outro vehículo.
“As constantes queixas son porque a empresa non cumpre coas súas obrigas. Unha vez máis, a poboación do rural é a vítima dunha política institucional que ignora as nosas necesidades léxitimas para favorecer as ganancias do sector privado”, aseguran e insisten en que as autoridades interveñan nesta situación, “pois o transporte público é un dereito que está por riba dos intereses económicos dunha empresa”.

