A actuación na que se investiron 212.400€, afecta as 80 vías interiores do recinto da Gándara, que son os camiños que vertebran o Cemiterio e que forman parte da rede viaria municipal, xa que as rúas principais, así como as dúas ampliacións levadas a cabo no cemiterio xa contaban con rúas pavimentadas.
A mellora que supón esta intervención “é moi significativa”, destaca o Alcalde, e así o comprobarán as veciñas e veciños que visiten o Cemiterio nos próximos días. En todo caso, o rexedor apuntou que ante calquera deficiencia ou actuación que quedara pendente ou se puidera observar por parte dos usuarios do recinto, mesmo de limpeza, o Concello requeriralle á empresa o arranxo inmediato.
O rexedor incide en que “é a primeira vez que se acomete unha actuación destas características no Cemiterio Municipal”, inaugurado no ano 1903, e explica que a actuación viña motivada porque unha grande parte das vías secundarias estaban sen pavimentar ou con pavimentos realizados en pequenas áreas, sen conexión entre eles, defectuosos, con distintos niveis e deteriorados, o que provocaba humidades e incluso a entrada de auga nas sepulturas inferiores, situación que se resolverá con estas obras.
Mellora integral
As actuacións executadas abarcan unha superficie total de 3.199,50 m², e desenvolvéronse en cinco fases que se corresponden con cinco zonas diferenciadas:
- Fase 1 (Zona Noreste): con actuacións de mellora en 708,60 m².
- Fase 2 (Zona Sureste): en 718,60 m².
- Fase 3 (Zona Noroeste): en 697,70 m².
- Fase 4 (Zona Suroeste): en 703,70 m².
- Fase 5 (Zona Sur): en 370,90 m².
Os traballos realizáronse de xeito continuado por fases para afectar o menos posible a actividade do cemiterio e consistiron na explanación do terreo e demolición da soleira actual, coa colocación dun novo firme de formigón. Colocouse tamén unha rigola para recollida de augas pluviais, con sumidoiros conectados á rede de pluviais existente, nas rúas principais.

