HomesociedadeCelebración do 25N en Ribas de Sil

Celebración do 25N en Ribas de Sil

O concello, ademais de diferentes actividades de sensibilización que terán lugar o propio 25 de novembro, o luns 24 ofrecerá unha charla a cargo de María Jesús Álava, unha das psicólogas máis coñecidas do Estado.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Ribas de Sil conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero os días 24 e 25 de novembro. Súmase así ao Pacto de Estado e a miles de persoas que, desde que en 1999 foi establecido pola ONU, queren facer visible “unha lacra demostrada polos datos e que, lamentablemente, algunhas persoas pretenden negar e silenciar”.

A concelleira responsable de Igualdade, Rosa María Quiñones, adianta que haberá tanto actividades de sensibilización como de prevención. Ademais, durante o luns e o martes, a fonte da praza do Concello lucirá de cor violeta en lembranza de todas as vítimas da violencia machista e como símbolo do compromiso municipal coa súa erradicación.

CONFERENCIA DE MARÍA JESÚS ÁLAVA

O luns 24 de novembro, ás 18:30 horas, no salón de actos do Concello de Ribas de Sil, terá lugar a conferencia principal, de carácter preventivo, impartida pola coñecida psicóloga e autora de libros moi vendidos en España, María Jesús Álava Reyes. A conferencia, cunha relatora de primeiro nivel, é posible grazas á colaboración coa Asociación Pedagóxica Vagalume de Valdeorras. O seu presidente, José Fernández, estará tamén presente no acto.

A manipulación emocional, incluídos o medo e a inseguridade, son algunhas das principais e indesexables ferramentas do maltratador. Álava amosaranos como identificar unha persoa manipuladora para tentar evitala. Moitas veces, quen nos manipula son persoas do noso propio entorno.

María Jesús Álava é unha das psicólogas máis coñecidas do Estado, con presenza habitual en espazos de televisión e radio nos que aborda temas de educación, convivencia e benestar emocional. Ademais, colabora con numerosas empresas e institucións públicas e privadas en programas de prevención, coidado da saúde mental e mellora das relacións laborais, o que engade un valor especial á súa participación neste acto en Ribas de Sil.

25 DE NOVEMBRO

O propio día 25 de novembro terán lugar distintas accións de sensibilización dirixidas á poboación, comezando polo alumnado do CEIP de San Clodio, que participará nun obradoiro de chapas. Ademais, repartirase nas portas do Concello e nos establecementos diverso material que pretende denunciar a violencia e o silencio, así como amosar memoria e respecto por todas as vítimas. “As 38 mulleres asasinadas en España no que vai de ano son demasiadas, tendo en conta que con que fose só unha xa sería insoportable”, comentan dende o concello.

Todas estas actuacións enmárcanse no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que dota aos concellos de recursos económicos e ferramentas de coordinación institucional para avanzar na prevención, na protección das vítimas e na sensibilización social fronte a calquera forma de maltrato. O Concello de Ribas de Sil reafirma así o seu compromiso de aproveitar estes fondos e este marco común de traballo para desenvolver políticas públicas que contribúan a unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencias machistas.

ÚLTIMAS

O BNG de Monforte pedirá no pleno que o concello asuma o Plan Madruga

Desde o BNG lembran que este recurso funciona con normalidade en numerosos concellos da...

Esperta Monforte leva a pleno revisar a rebaixa do IBI

Coa rebaixa do IBI, Esperta lembra ao equipo de goberno as actuacións "que teñen...

‘Plan da Viabilidade Invernal’ 2025-2026 da Deputación de Lugo

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, comentou na presentación do Plan...

Adegas de Amandi organizan un torneo de golf en Monforte

O pasado xoves día 20 de novembro deu comezo no Club de Golf Río...