O rexedor, José Tomé, presentou o dispositivo do alumeado deste Nadal que terá o acendido oficial, como vén sendo habitual, na antesala da ponte festiva da Constitución, o venres, 5 de decembro, ás 18.30 horas. O lugar escollido para pulsar o interruptor que iluminará o Nadal monfortino é a céntrica rúa Cardeal, xunto á figura da árbore, elemento central desta ornamentación festiva.
“O noso desexo é que este amplo dispositivo de Nadal sirva para dinamizar e animar aos monfortinos e monfortinas e ás persoas que nos visitan a desfrutar da cidade e facer as súas compras navideñas no comercio local. O importante é animar e alegrar a vida dos nosos veciños e veciñas nestas datas tan sinaladas”, indica José Tomé.
O alumeado estará acendido todos os días en horario de 18.30 a 02.00 horas, e apagarase definitivamente o martes, 6 de xaneiro, Día de Reis. Este dispositivo estará acompañado polo funcionamento das fontes no mesmo horario que as luces.
265 arcos, sete mensaxes de ‘Bo Nadal’ e proxeccións na Torre da Homenaxe
A árbore de máis de 20 metros de alto na rúa Cardeal e a figura da Praza de España, ambas con paso inferior, son os elementos centrais dun dispositivo que suma 265 arcos repartidos por 67 rúas da cidade e outros 7 coa mensaxe ‘Bo Nadal’ colocadas nas entradas á cidade. Este ano incorpórase un novo elemento ornamental na rúa Tecelanes, nun dos laterais da Casa do Concello.
Ademais, mantense a que foi unha das principais novidades dos últimos anos, que é a iluminación da Torre da Homenaxe mediante imaxes proxectadas nas catro caras da edificación simulando a caída de copos de neve.
Tamén estarán adornadas a Casa do Concello, as árbores da Praza de España e do Campo de San Antonio, a Praza dos Chaos, Praza da Estación e Praza de Abastos e, como non, o cedro da Compañía, coa súa estrela de Nadal.

