O Concello de Taboada vén de anunciar que habilitará unha senda peonil entre a vila e a área recreativa da Medela atendendo unha vella aspiración da veciñanza, que utiliza habitualmente esta ruta para achegarse ás instalacions deportivas municipais.
O concelleiro de Cultura e Deportes, Manuel Diéguez, avanzou as características do proxecto, co que se acondicionará unha ruta de 1,5 quilómetros entre o núcleo de Taboada e o complexo da Medela, onde se concentran campo de fútbol, pista de padel, piscinas exterior, pista multideporte e zona picnic-.
A senda parella á estrada, creará unha zona de paseo seguro, especialmente para a cativada e as persoas maiores que agora teñen que facer ese traxecto polo arcén. O paseo, para uso de peóns e bicicletas, acondicionarase cun pavimento específico e bancos en distintos puntos do traxectos. O Concello promoverá a compra e permuta dos terreos para comezar despois coa execución da obra.
O concelleiro de Cultura e Deportes explicou que “Con este proxecto atendemos polo tanto unha vella aspiración dos veciños e veciñas, coa que nos comprometemos coa nosa chegada ao goberno”
A creación desta senda completarase con outras melloras nas intalacións deportivas da Medela, como a construción dun graderío cuberto, a instalación de cuberta na pista de padel e reparacions nas tubaxes e no vaso da piscina municipal.

