A empresa de telecomunicacións Xanela, con sede en Chantada, vén de adiantar datos económicos neste remate de 2025. Superou os 16.000 clientes de fibra rural e as cifras da compañía non deixan de medrar calculando que pecharán o exercicio con 50.000 servizos activos e unha facturación de 5,3 millóns de euros, 300.000 euros por enriba das súas previsións. A este ritmo de crecemento, din dende a dirección, a expectativa para 2026 é alcanzar os 6,5 millóns de facturación.
RESUMO EN CIFRAS
- 16.000 clientes de fibra.
- 50.000 servizos activos.
- 5,3 millóns de euros de facturación.
- 54 traballadores.
- 4 tendas propias.
- 60 puntos de venda por toda Galicia.
- 33 anos é a media de idade dos traballadores.
- É unha das cinco empresas que xeran máis emprego no Concello de Chantada.
LOGROS DO 2025
No 2025 Xanela implementou a súa propia plataforma de televisión coa previsióm de que no 2026 conte xa cunha programación centrada en Galicia. Calquera persoa con acceso a internet poderá ver todos os contidos da nosa comunidade xa que todas as pequenas televisións galegas formarán parte desta plataforma. Trátase dunha aposta para poñer en valor o dinamismo local e autonómico e que os clientes de Xanela poidan visualizar eventos e novidades da súa zona de residencia. En palabras do director de Xanela, Iñaki Castiñeira, “esperamos que, con estas integracións, as pequenas televisións galegas poidan reforzar os seus contidos en todo o territorio galego”. Para promocionar este lanzamento, os clientes de Xanela poderán gozar deste servizo uns meses de balde.
Outro dos logros deste ano que remata foi a conversión de Xanela en Operador Móbil Virtual (OMV), un movemento dirixido a alcanzar máis independencia e mellorar os servizos de telefonía dos seus clientes. Ademais, ser OMV fai posible que poidan mellorar a cobertura, as tarifas e a competitividade.
No balance anual é relevante tamén a suma da filial de Movistar, Bluevía, aos operadores de infraestrutura cos que traballa Xanela (Rede Aberta, Adamo Whosale e Elanta).

PENSANDO NO 2026
Anticipando estratexias, o director de Xanela destaca que “en 2026 buscaremos fusións con outras compañías, xa que cremos que é preciso para mellorar o servizo”. Segundo se sabe pola propia compañía, xa hai dúas operacións pechadas e espérase que sexan máis ao longo do ano que vén.
Finalmente, tamén se dá a coñecer a intención de potenciar a chamada a través de wifi; unha aposta que se poñerá en marcha no primeiro trimestre de 2026.

