Margaride de Lor, parroquia do Concello de Quiroga, estará de festas a vindeira fin de semana para honrar ao seu patrón, o San Vicente. Mais a festa comeza xa o venres 23 coa tradicional ‘Festa do Chourizo’, un encontro gastronómico no que se comen chourizos asados e panceta acompañados de pan e viño da zona. O curioso e enxebre é que os asistentes fan eles mesmos a panceta no lume co seu propio espeto.

A organización corre a cargo da Asociación de Veciños de Margaride que convida este ano máis ca nunca a asistir a esta festa pois dan baixas temperaturas e tanto a panceta como o chourizo van saber a gloria. Ademais, tampouco faltarán á cita o pan, o viño e un exquisito roscón de sobremesa, todo de balde para quen se achegue.
Unha pequena fogueira recibe aos visitantes sobre as 21:00 h. ao tempo que voluntarios e voluntarias da asociación asan chourizos nunha grella. A medida que a xente vai chegando dáselles un anaco de panceta, un anaco de pan, un vaso de viño e un espeto para poder achegar a vianda de porco ao lume. Ver os espetos da xente encarados uns contra outros coa panceta na punta enriba das brasas é unha estampa digna de ver e de vivir.

PROGRAMA DA FESTA
O venres 23, como comentamos, a Festa do Chourizo comeza ás 21:00 h. e a continuación haberá verbena co Grupo Assia.
Para a fin de semana, o sábado 24 pola mañá estará facendo un pasarrúas o Grupo Tradicional O Recanto e ás 13:30 h. terá lugar a Misa e a procesión. A continuación, sesión vermú tamén co Recanto. Pola noite, a partir das 20:30 h., festa rachada coa música do Grupo Takicardia.

E como remate, o domingo 25 volverá estar en Margaride o Grupo O Recanto para a alborada. Despois, a partir das 13:30 h., Misa solemne e procesión. A música na xornada dominical, tanto na sesión vermú como pola tarde correrá a cargo do solista Maratón. E como é tradicional, ao remate dos festexos farase o sorteo das rifas e ofrecerase unha gran chocolatada para todas e todos os/as asistentes.

