No centro existe un agrupamento de 1º e 2º que excede a ratio de referencia (14 alumnos/as) e que, en consecuencia, debería ser desdobrado para garantir unha atención educativa axeitada e as condicións de aprendizaxe do alumnado.
A CIG-Ensino trasladou esta situación á Xunta de Persoal da provincia de Lugo en outubro de 2025, cando o agrupamento contaba con 15 alumnos/as e xa superaba a ratio indicada. Aseguran que entón, a Xefatura de Inspección respondeu que, “segundo a normativa vixente pódese autorizar un incremento de ata o 10 % da ratio por aula para atender incorporacións tardías en períodos de escolarización extraordinaria”, e concluíu que non procedía o desdobre.
En decembro de 2025 producíronse novas incorporacións que fixeron que o grupo superase tamén ese límite do 10 %, “polo que o desdobre pasou a ser obrigado e o centro enviou informe para activar os trámites necesarios”.
A CIG ponse en contacto coa Consellería ao comprobar que seguen sen incorporar o docente necesario para efectuar o desdobre, e asegura o sindicato que a resposta foi que, “se o centro está a funcionar ben na situación actual, non sería preciso desdobrar”.
Segundo a CIG, a falta de desdobre no CEIP de Sober “non responde nin á inexistencia de necesidade nin a impedimentos organizativos, senón á decisión da Consellaría de non impulsar a tramitación que procede para adaptar os recursos do centro ás ratios establecidas”. Con todo esixen que se proceda con carácter urxente ao desdobre do agrupamento de 1º e 2º no CEIP de Sober, adoptando de inmediato as medidas de dotación e organización necesarias e garantindo unha atención educativa axeitada ao alumnado.

