O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participará por segundo ano consecutivo na Barcelona Wine Week (BWW), que se celebrará do 2 ao 4 de febreiro no recinto feiral de Montjuïc. A presenza da D.O. enmárcase dentro do espazo da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), reforzando a proxección conxunta dos viños galegos nun dos principais encontros profesionais do sector vitivinícola.
Nesta edición presentarase unha selección de 39 viños amparados pola denominación, composta por 29 tintos, 8 brancos e 2 rosados. A mostra reflicte a diversidade produtiva da D.O., marcada pola viticultura en pendente, a variedade de microclimas e solos, e a personalidade de variedades autóctonas como Mencía, Godello ou Merenzao, entre outras.
A Barcelona Wine Week consolidouse como un punto de encontro clave para adegas e denominacións de orixe, favorecendo o contacto directo con compradores nacionais e internacionais, así como con profesionais da distribución, a restauración e a comunicación especializada.
A participación neste foro forma parte do calendario anual de accións de promoción exterior do Consello Regulador, orientadas a manter unha presenza activa nos principais escaparates profesionais do sector.

