A IXP Pataca de Galicia vén de poñer en marcha a súa campaña de promoción 2026 a nivel nacional como parte dunha nova estratexia orientada a achegarse de forma directa ao consumidor final e reforzar o recoñecemento do selo de calidade nos lineais de supermercados de todo o país.
Búscase que o cliente identifique claramente a Pataca de Galicia certificada no momento da compra e asocie o selo IXP á garantía de orixe, rastrexabilidade e excelencia. Así mesmo quérese conseguir que o consumidor recoñeza o distintivo oficial no andel, diferenciándoo fronte a outras opcións.
PARTICIPAR PODE TER PREMIO: 3 EXPERIENCIAS PARA DÚAS PERSOAS NA RIBEIRA SACRA
Para avaliar o resultado desta campaña pídese a participación do consumidor e ofréceselle a posibilidade de acadar un premio. Así, pois, a mecánica de participación sería a seguinte: mercar unha bolsa de pataca galega certificada, acceder á web oficial, completar un formulario, introducir o código da etiqueta e subir unha fotografía do envase onde se visualice a certificación.
Como incentivo, sortearanse tres experiencias para dúas persoas na Ribeira Sacra valoradas en 800 euros cada unha. “O premio inclúe unha experiencia completa nun dos territorios máis emblemáticos de Galicia, combinando aloxamento, gastronomía e contorna natural, reforzando así a conexión entre produto, territorio e orixe”, explican dende a IXP Pataca de Galicia. Deste xeito, din tamén dende a organización, “a campaña non só impulsa o consumo de pataca certificada, senón que proxecta a identidade galega e pon en valor o vínculo entre a calidade do produto e a súa procedencia”.
A promoción estará activa ata abril e o sorteo farase en maio, unha vez finalizado o período de participación. Pódense consultar as BASES na páxina web oficial da campaña.
ESTRATEXIA COMERCIAL
Alén da estratexia estrutural de posicionamento de marca a acción permitirá recoller datos estatísticos sobre o recoñecemento do selo IXP Pataca de Galicia no conxunto do territorio nacional, así como información relevante sobre o perfil do consumidor. Estes datos servirán para optimizar futuras accións promocionais e reforzar a presenza da marca en mercados estratéxicos.
Como complemento ao anterior, tamén se desenvolveu a web pensando no consumidor final co obxectivo de trasladarlle de xeito claro e directo as avantaxes de mercar pataca galega certificada. Nela explícase porque este produto achega un valor diferencial ao comprador –controis de calidade, rastrexabilidade garantida, alto sabor, textura óptima, valor nutricional– e pon en valor o traballo dos traballadores do agro.

