Monforte contará con todos os elementos necesarios para que os seus cidadáns poidan coñecer os aspectos relacionados coa meteoroloxía da cidade. Instalarase unha Estación Meteorolóxica na Pinguela, na zona de céspede, xunto ás pistas de tenis. A estación entra a formar parte da rede de estacións meteorolóxicas de Meteogalicia e permitirá coñecer os datos climáticos reais de Monforte, de vento, de temperatura, de humidade e de radiación solar, información empregada diariamente por moitos usuarios para as súas actividades, para informes ou para xustificar danos nas propiedades ou nos cultivos por causas meteorolóxicas. O datos poderanse consultar a través da web de Meteogalicia www.meteogalicia.gal ou na súa APP.
Meteogalicia tamén instalará unha Cámara Web en Monforte, que permitirá obter imaxes en tempo real e poñelas a disposición do público na APP ou na páxina web, para que calquera persoa poida planificar as súas actividades persoais ou profesionais. A ubicación escollida para esta cámara é na cima do muro que rodea a Torre da Homenaxe, orientada cara os Escolapios.
Para completar as dotacións, colocarase unha Pantalla de información pública de Meteoroloxía e Calidade do aire, que dará conta, entre outras cousas, dos avisos ante fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos da mala calidade do aire por contaminación. A ubicación da Pantalla vai ser na esquina dereita da Casa Consistorial, orientada cara a rúa e a Praza do Campo de San Antonio, onde remata a rampla de acceso lateral. Esta ubicación está pensada para a veciñanza en xeral e tamén para os peregrinos do Camiño de Inverno, dado que a ruta de peregrinación a Santiago pasa polo Campo de San Antonio na parte frontal do Concello.
Finalmente, o alcalde, José Tomé, valorou moi positivamente este proxecto: “Creo que estas novas instalacións son un logro importante e colocamos as Monforte no mesmo ranking que o resto das cidades galegas”