A concentración tivo lugar ás 13.00 horas na Praza da Compañía, diante das Casitas, e contou cunha importante participación da veciñanza. Acompañaban á nova Concelleira de Muller, Igualdade e Consumo, Regina López, que deu lectura ao Manifesto, o alcalde, José Tomé Roca, e membros do Equipo de Goberno, ademais de persoal do Centro Municipal de Información á Muller, CIM.
No manifesto púxose en valor o traballo e dedicación das mulleres que traballan no Concello de Monforte, “xestoras públicas que coa súa labor diaria garanten servizos públicos de calidade para todas as monfortinas e monfortinos”. Un traballo “constante e rigoroso” en áreas clave como a planificación urbana, os servizos sociais, a cultura, a educación, a xestión económica, a contratación e a atención directa á cidadanía.
O manifesto defende que a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes “non pode entenderse como unha cuestión secundaria, senón como unha condición necesaria para a eficacia e a eficiencia das políticas públicas”. Neste senso, o manifesto incide en que o feminismo “é clave para reforzar a presenza das mulleres na política, na economía, na educación, na cultura e na vida social de Monforte”. O texto anima a “alzar a voz por unha sociedade na que as mulleres vivan libres de violencia, unha sociedade paritaria e participativa na que ocupen o lugar que lles corresponde, por dereito e por capacidade”.
Despois do Manifesto entregáronse velas serigrafiadas co lema deste 8M a modo de agasallo e presentouse a exposición “Mulleres con luz propia” que estará instalada durante este mes de marzo nos farois da marxe dereita do Cardeal, desde o cruce coa avenida de Galicia ata o final do Paseo da Compañía. A instalación ofrece un percorrido por figuras recoñecidas internacionalmente como Marie Curie ou Frida Kahlo, ata pioneiras feministas como Clara Campoamor, personalidades galegas coma Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán, e como non, a xurista monfortina María Emilia Casas Baamonde.

Manifesto 8M 2026 / Concello de Monforte
A xornada do 8M completouse cun Escape Room pola igualdade “Estrelas”, no espazo dos Mercados da Praza de Abastos. A misión consistía en recuperar o fulgor dalgunhas das estrelas femininas máis importantes da historia. E a Casa da Cultura acollía o espectáculo “Circo na casa”, no que se traballaron estereotipos de xénero e os roles de mulleres e homes en relación ao reparto das tarefas domésticas pretendendo sensibilizar e concienciar na corresponsabilidade. Como complemento a estas propostas desenvólvense obradoiros de sensiblización nos centros de ensino de primaria e secundaria.
“A historia vaxenial”, o 12 de marzo no Multiusos
Os actos organizados polo Concello arredor do 8M farán parada tamén no Edificio Multiusos, cunha nova cita co teatro, o xoves 12 de marzo ás 20.15 horas, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. En colaboración coa Concellería de Cultura a Compañía Artyc Content presenta “A historia vaxenial”, gañadora do VI Premio Luísa Villalta 2024 a Proxectos pola Igualdade.
A Historia Vaxenial segue o ronsel xerado por Historias Vageniales, a exitosa serie web creada pola mesma autora, gañadora dun Premio Mestre Mateo, e cuxos episodios foron vistos por centos de miles de persoas. A peza fai un percorrido pola historia da humanidade para investigar como foron representándose os órganos sexuais da muller nas diferentes épocas e analizar como esta representación, ou omisión, estivo emparellada á desconsideración da muller e ao seu lugar no mundo.

