HomesociedadeDáse a coñecer o cartel oficial da XXII Feira Medieval de Monforte

Dáse a coñecer o cartel oficial da XXII Feira Medieval de Monforte

En palabras do alcalde, trátase dun "cartel sobrio e solemne, con moita forza e moi potente, que transmite a posibilidade de vivir un evento especial e único en Monforte”. A Feira Medieval será os días 4 e 5 de abril.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Esta mañá presentouse en rolda de prensa a imaxe gráfica representativa dun dos eventos de maior envergadura e transcendencia na cidade do Cabe. Trátase da Feira Medieval que este ano alcanza a súa XXII edición e que terá lugar o sábado e domingo de Semana Santa, coincidindo este ano cos días 4 e 5 de abril. Ademais do alcalde, José Tomé, estiveron a Tenente Alcalde, Gloria Prada, e os responsables municipais de Cultura e Promoción Económica e Emprego.

Ademais do cartel anunciador, o alcalde, José Tomé, referiuse á marcha da campaña de publicidade que se está desenvolvendo estes días, e que comezou coa divulgación do vídeo promocional, unha peza audiovisual que acadou máis de 30.000 visualizacións en poucas xornadas. Tamén avanzou a próxima celebración do Mercado para a Medieval, programado para a fin de semana do 21 e 22 de marzo.

Á ESPERA DA DECLARACIÓN DE FEIRA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA

Tomé lembrou que Monforte leva xa dous anos agardando pola declaración de Feira de Interese Turístico de Galicia por parte da Xunta para a Feira Medieval. “Un recoñecemento que é de xustiza porque cumprimos os requisitos e merecémolo: 20 anos de celebración continuada, singularidade cultural, calidade na programación e na posta en escena e, desde logo, capacidade de atraer a miles de visitantes non só a Monforte, senón ao conxunto da Ribeira Sacra”, indicou Tomé.

Neste senso, destacou que a Feira Medieval de Monforte “é un evento consolidado no calendario festivo de toda Galicia e mesmo de fóra da comunidade”, facendo unha referencia histórica ao feito de que foi o Conde de Galicia, D. Froila Díaz, “quen no ano 1104 concedeu autorización para facer feiras no Burgo medieval arredor de San Vicente”.

O CARTEL OFICIAL

O cartel oficial da XXII Feira Medieval de Monforte, elaborado por unha empresa monfortina experta en deseño, presentou para esta edición, en palabras do rexedor, “un deseño sobrio e solemne, pero visualmente moi impactante”. A figura central, describiu, “é a imaxe dun guerreiro coa cabeza inclinada, que agarra con forza e firmeza a súa espada, nun xesto de respecto e humildade e, penso eu, tamén de lealdade á Monforte, ao noso pasado medieval, que regresa a estes tempos para ser desfrutado polos monfortinos e os miles de visitantes que se achegan cada ano”.

Na vestimenta do guerreiro destaca notablemente o escudo de Monforte nunha versión medieval así como as letras e número da edición. En definitiva, remarcou o alcalde, “un cartel moi potente que realza a nosa identidade medieval e que transmite a posibilidade de vivir un evento especial e único nun lugar como Monforte, cun pasado medieval que se respira en todo o recinto da feira, coroado pola impoñente Torre da Homenaxe”.

O cartel empezará a distribuírse desde hoxe por toda Galicia, nas principais cidades, e tamén nos eventos da contorna, como pode ser a Feira do Viño de Sober, que se celebra a fin de semana anterior á feira. “A nosa idea é, coma sempre, facer unha intensa promoción desta festa para atraer visitantes a Monforte e dinamizar sectores como o comercio e a hostalería”, indicou Tomé.

A programación ao detalle da Feira Medieval anunciarase na inauguración do Mercado para a Medieval que se fará o día 21 de marzo no espazo expositivo anexo á Praza de Abastos.

ÚLTIMAS

O equipo de debate de BAC do IES Río Cabe na fase final do Parlamento Xove

O equipo de debate de BAC do IES Río Cabe, integrado por Sabela Castro...

8M en Monforte con presenza do alcalde e sen a oposición

A concentración tivo lugar ás 13.00 horas na Praza da Compañía, diante das Casitas,...

O BNG de Pantón homenaxea no 8M a Cándida Fernández

Durante os próximos meses dende o BNG de Pantón aseguran que seguirán promovendo actos...

O IV Premio da Muller Caldelá foi para Pepita Carballo

Castro Caldelas celebrou o pasado venres 6 de marzo o Día da Muller reivindicando...