O CEIP P. A Pobra do Brollón está a celebrar o 8M desenvolvendo ao longo desta semana con exposicións grupais que tratan de poñer en valor a loita de moitas mulleres. A actividade, que leva por título “Mulleres con ronsel”, busca reivindicar o papel de moitas mulleres que superaron e superan os roles de xénero que se impoñen socialmente en cada época que lles tocou ou toca vivir.
“Coa investigación de cada aula daremos voz a diferentes mulleres que lograron vencer os roles de xénero impostos na súa época”, comentan dende o centro escolar.

As exposicións comezaron o pasado martes, 10 de marzo, descubrindo a Olimpia Valencia e a María Pita. Nesta primeira sesión estiveron presentes Marián Martínez, concelleira de educación, e Mónica Carballo, educadora familiar. Ademais, estas aproveitaron a visita para agasallar aos presentes cun espello que “busca mirar máis alá”. Este mércores 11 as mulleres protagonistas foron a piragüista Teresa Portela e a científica Aida Fernández.


