HomeEn profundidadePaulino Fierro Cadórniga: "O regreso desde a India non foi sinxelo, de...

Paulino Fierro Cadórniga: “O regreso desde a India non foi sinxelo, de súpeto había unha guerra entre eu e o meu fogar”

Xa o demostrou a pandemia e seis anos despois a Guerra en Oriente Medio, segue un perfil similar. Comeza un virus nalgunha parte do planeta e expándese inmediatamente polos países de todos os continentes. A guerra, o conflito xera unha tensión constante que se traduce en máis conflitos con quen pense diferente a un e a isto engádese a crise económica, que repercute e farao aínda máis, na vida cotiá de cada un de nós.

Publicado o

POR
Ana Belén Fernández
- Advertisement -

O que nos levan demostrado as guerras é que son imprevisibles, están fóra de control como guerras que son, e unha vez comezan non se sabe cando nin como van rematar. A guerra en Oriente Medio vai máis alá dun conflito bélico localizado nun espazo que afecta a unha poboación concreta. Aféctanos a todos dalgunha maneira. Agora que esa zona pola que pasan a maior parte dos voos entre Europa e Asia está en guerra viaxamos á India cun monfortino, Paulino Rodríguez-Fierro Cadórniga, que o 3 de febreiro recibía a comunicación de Etihad Airways, a compañía coa que chegara á India vía Abu Dabhi, anunciando a cancelación do seu voo.

O 19 de febreiro collías avión Madrid, Abu Dabhi, Delhi para iniciar unha viaxe moi persoal na que afondaremos, pero todo colle unha nova dimensión cando Israel e EEUU atacan Irán.

Cando fas unha viaxe non pensas que te vaia pillar unha guerra. A mediados de novembro do pasado ano tiña toda a viaxe pechada, estancias, voos,…Non pensei neste tipo de problemas, daquela había certa normalidade. Agora sei de casos como un traballador do hospital de Monforte que viaxaba o mesmo 28 de febreiro para aterrizar en Abu Dabhi e o seu voo tivo que dar a volta. Imaxínate que te informan diso no avión.

A min, unha amiga desde Monforte, Laura, escríbeme o 28 de febreiro, que Israel e EEUU comezaran a bombardear Irán, que estivera atento. O 1 de marzo visitaba Agra para coñecer o Taj Mahal e vin a información. Comezaba a preocupación pola situación e xa non gocei desa visita. Ao día seguinte comunícanme a cancelación do voo de regreso que tiña para o 5 de marzo, ao comezo era como un alivio porque non te fan pasar pola zona en guerra e pensas, pois se hai que saír de aquí saio polo leste.

Pero non foi tan sinxelo.

Non o foi, de súpeto había unha guerra entre eu e o meu fogar e non era doado saír da India. Viaxar cara o leste supoñía dar á volta ao mundo, e para viaxar cara o oeste encontrábame con dúas guerras, Ucrania e Irán. Localizaba un voo a un prezo razoable e en seguida desaparecía, comezaron a subir os prezos rapidisimo, 2.000 e pico euros, despois 5.000, 8.000€, 15.000€. Desde Monforte localizáronme un voo para o mesmo día 5 vía Estambul e cando se ía reservar xa estaba cancelado. O 4 pola noite reservei desde a India outro voo tamén vía Estambul, case 2.000€ e fago a reserva, retéñenme os cartos, pero non recibo ningún billete porque xa non había ese voo, xa estaba cancelado. O día 5, un amigo desde Lugo, Suso, localiza outro voo para o día seguinte, venres día 6 vía Omán e de Omán a Roma. Dígolle que o reserve.

Como foron eses días de espera? Como vivía a poboación da India esta situación de guerra?

Na India non se notaba unha situación de guerra. Ás 3 e media da mañá xa había barullo de xente traballando. Foi no aeroporto o día de regreso cando notei o medo na xente, especialmente nos occidentais, xente querendo volver ás súas casas, con moita ansiedade. Procuraba non mirar demasiada información, pero un día escoitei a un experto americano dicindo que a guerra a perderían EEUU e Israel, que Irán levaba anos preparándose para isto e que afogarían a economía bloqueando o estreito de Ormuz.

E cando remataría a guerra? non sabías se serían días, semanas, meses….Nada era unha boa nova, unha semana máis na India para min xa era un mundo porque non te podes mover cara onde queres. Tiña a sensación de que quería volver á miña casa e uns tolos inconscientes non me deixaban. Non pensan no benestar da humanidade e non entenden que están arruinando á xente só para o seu propio beneficio.

A miña asistencia consular foi case cero, nada humana

Nunha situación así de desprotección en que non podes regresar á casa a pesar de non estar directamente en zona de guerra, contactaches coa embaixada?

Eu si, pero sen reciprocidade. Estiven toda unha mañá chamando e ninguén me colleu nunca, que sería o seu se te chama un español en apuros. Iso non existe. Comuniqueime despois por correo electrónico para informar da miña situación, que estaba na India sen poder regresar a España e deixar os meus datos, só recibía repostas automáticas. Cando tiña o voo de volta anuncielles a miña saída e unha vez en España chégame un correo cun formulario de rexistro para facilitar a recompilación de datos de todos os cidadáns españois nesta rexión, proba evidente de que os correos anteriores non serviron para nada. “Desde a sección consular seguimos moi de preto a situación en cumprimento do noso deber de asistencia consular”, poñía o texto do correo, creo que non cumpriron co seu deber. A miña asistencia consular foi case cero, nada humana. Cando estás nunha situación así esperas apoio e non isto.

Espero mellor sorte para toda a xente que está en Emiratos Árabes pasándoo fatal, hai 20.000 españois por sacar de alí. Houbo xente que foi de Emiratos a Omán en coche e tivo que completar a travesía a pé, moita indefensión. Considérome afortunado.

Paulino Rodríguez Fierro Cadórniga na India

Como se vive o día de regreso?

Moita tensión, horas antes da saída comunícanme de España que na reserva había problemas co checkin, imaxínate. Xa no aeroporto de Delhi os controis son unha toleada, está totalmente militarizado, non podes entrar e saír do aeroporto libremente como aquí. Había colas enormes para os controis, mírante de arriba a abaixo, militares constantemente, todo axuda a xerar tensión. Algúns occidentais saltábanse os controis, pedían por favor…pensaba que non ía poder pasar, que ía haber overbooking.

Finalmente súbeste ao avión e mentres non despega, pensas que che poden cancelar o voo, desexas que despeque dunha vez. Sobrevoando Pakistán o silencio era sepulcral. Un ambiente de medo irracional porque non van tocar un avión comercial, as compañías voarán con seguridade, pensaba.

Nunca vin aplaudir nunha aterraxe como cando chegamos a Roma

Omán estaba na zona de conflito aínda que a maior parte dos voos de Oriente Medio chegaban desde alí. Como era o ambiente no aeroporto?

O contrario que en Delhi, supertranquilidade, corredores baleiros e nas salas de espera só árabes e indios, todos tranquilos. Avisáronnos de que non podiamos beber nin comer que estaban de Ramadán, obedeces. Estiven tranquilo, pero 10 minutos antes asustoume un pensamento, e se cancelan o voo. Non tiña datos, non había wifi no aeroporto, non me podía comunicar, se cancelaban o voo que facía en Omán?

Ao final ao avión despegou cheo principalmente de italianos. Nunca vin aplaudir nunha aterraxe como cando chegamos a Roma sete horas e media despois. En Roma sentín que estaba na casa, cando antes vía Italia como un país estranxeiro.

E xa na casa, que pensas do vivido?

Estou molesto coa embaixada e coas compañías aéreas á hora de sacar á xente de alí. As guerras son un negocio espectacular e o sufrimento humano importa moi pouco. Etihad Airways, a compañía coa que voei de inicio e despois me cancelou o voo acaba de enviarme un correo en inglés a ver se cumpría as condicións para a devolución…como que? Teredes que solucionarme vós, que condicións teño que cumprir eu?

E estou moi agradecido ás persoas que me axudastes desde aquí e á xente da India. Nesa última semana eu estaba nun espazo de retiro cerca de Delhi no que, despois dalgunha xestión pola miña parte e coa axuda dun amigo monxe arxentino, permitíanme quedar indefinidamente ata que conseguira regresar á casa, estaba seguro. Desde o primeiro día contei coa guía dun amigo indio, Arvinder, que traballa con devotos de Paramahansa Yogananda como é meu caso, el non estaba comigo fisicamente, pero axudoume a cambiar os cartos coas mellores vantaxes, a estar conectado para poder teletraballar cando era preciso, prestoume asesoramento, preocupouse por min todo o tempo con proximidade e humanidade. Moito máis que un guía, iso si é asistencia.

Paulino con Debashish, seu guía en Calcuta

Esta noite bombardearon bases pretoleiras en Omán, está ben que te deras présa en regresar por case a única vía. Agora pensas noutra viaxe e na diferenza entre viaxar só ou acompañado?

Agora mesmo non penso en viaxar porque pode pasar calquera cousa en calquera sitio. Moverse por Europa parece dar máis seguridade, pero para que moverse mentres dure isto? En canto a viaxar só ou acompañado, está ben viaxar só se todo vai ben. Para min era importante ir só para ver que pasaba en min con respecto a outras experiencias anteriores. Levaba moitos anos querendo facer esta viaxe e iso dame moita satisfacción persoal por telo cumprido.

Levaba moito tempo pedindo aprender a relaxarme, a soltar o control

Unha viaxe espiritual que remata en guerra?

Esta viaxe era unha busca de Deus, dentro e fóra de min, unha peregrinaxe. Son buscador desde fai anos e practicante de Kriya Yoga. Levaba moito tempo pedindo aprender a relaxarme, a soltar o control e a perfeccionar a miña fe. E de súpeto ocorre isto, todo fallou, quedeime sen cartos cunha reserva, vin que intentando facer cousas  todo saía mal e iso facíame dano. Deixeino todo, apaguei o ordenador e quedeime só meditando por horas, vin un escenario: teño moitas cousas que facer mellor na casa e vounas facer, visualizaba iso. Pedía que me levaran á casa para poder facer o que tiña que facer e pouco despois chegou o voo vía Omán.

Como miras a India agora?

Outro mundo, como curiosidade non vin unha soa nube nin sequera pequena, sol constante nesta época, iso para un galego… Un país que sendo o máis poboado do mundo loita con China por seguir sendo o país con máis habitantes, cando lles dicía que en Monforte eramos 20.000 alucinaban, tamén cos habitantes de Madrid. Moita calor, mosquitos, preocupación por conseguir auga, 60 millóns de cans nas rúas cun constante ir e vir de ruido e xente, persoas que che entregan moita calidez. India é complicada de entender e aceptar se non es de alí.

Ao comezo, antes da guerra estaba nun ashram que me deu moita paz, coa guerra xa estaba nun lugar distinto e sentín moito medo aínda que estaba nun espazo seguro. Había enfado, aínda o hai por todo o sucedido ao final, pero sinto unha grande gratitude por Deus e polo meu Mestre Paramahansa Yogananda, por quen me estivo apoiando e polo vivido, sei que é inevitablemente bo para min. Nalgún momento, na viaxe, alcancei certos graos de paz, cando me permitín soltar o control. Da experiencia traio esa mestura de enfado, gratitude e compaixón pero tamén a sensación de que esa guerra que parece lonxana está moi preto de todos nós e de que é preciso facerse consciente disto e actuar do xeito oposto, desde a paz.

Paulino Rodríguez Fierro Cadórniga

ÚLTIMAS

Irmandamento entre a Feira do Viño de Amandi e a Festa da Filloa de Muimenta

O Concello de Sober aproveita a conta atrás da Feira do Viño de Amandi...

CSIF esíxelle ao Concello de Taboada maior financiamento para o SAF

Este escrito enmárcase nunha iniciativa que o sindicato está a desenvolver en todos os...

Os Bolechas ensinan sobre compostaxe doméstica na publicación “Os composteiros de Monforte”

“Os composteiros de Monforte” está protagonizado polos coñecidos Bolechas, encargados de ensinar á rapazada...

O Goberno inviste 1,2M€ na mellora da N-540 ao seu paso por Chantada

Durante a visita, a subdelegada explicou que esta intervención forma parte do conxunto de...